A xestión dos residuos do Covid-19

141

A situación do persoal dedicado á recollida de resíduos sólidos urbanos é de incertidume total. A maioría das preguntas que os traballadores lles formulamos ás persoas responsábels quedan sen resposta e, cando esta chega, non aclara nada de nada.

Somos traballadores e traballadoras que facemos un servizo esencial, pero non de agora, de sempre. Estamos en contacto directo con todo tipo de residuos e, por extensión, con material  susceptible de portar gran carga vírica que se xera, ben a nivel doméstico, en domicilios onde residen persoas que resultaron infectadas polo virus, ben en centros como residencias e similares onde se está a producir por desgraza unha maior concentración de casos. 

Descoñecemos se nestes centros hai unha recollida especializada e ben xestionada; se se están a marcar, tratar e diferenciar as bolsas do lixo co material empregado con persoas con positivo en coronavirus, como indica o B.O.E do Ministerio de Sanidade. Nese documento oficial indícase que estes residuos deben preferentemente queimarse e, se non, soterrarse. Lembremos que non toda a recollida está mecanizada: moita segue a ser manipulada polo persoal de xeito directo movendo os colectores, (incluso parte dela cóllese a man -o coñecido como “bolseo-). Ademais, como hai medo ou desconsideración por parte dos usuarios e usuarias para portar o lixo ata o punto de recollida establecido e moitas bolsas quedan a pé de rúa, os traballadores da recollida vémonos obrigados a tocar e portar esas bolsas a man sen saber se nos estamos a expoñer a maiores riscos, xa que descoñecemos se eses residuos foron tratados correctamente seguindo a regra das tres bolsas no caso de proceder dalgún positivo.

O material de protección do persoal que se lle entregou ao persoal é escaso ou nulo. Grazas á insistencia dos delegados e delegadas de persoal, as empresas víronse na obriga de distribuir máscaras, luvas, xeles con base alcólica, etc., pero houbo unha clara deixadez á hora de se faceren con estes EPIs, xa que houbo delegados que vendo o sucedido na China ou Italia pediron adiantarse na toma de medidas de prevención antes de que se decretara o estado de alerta, pero ninguén lles fixo caso. Ata se lles acusou de alarmistas.

O tempo deunos a razón. Agora estamos nunha sorte de subasta burocrática para conseguir o material e, neste proceso, a transparencia non é o valor primordial. Desde a CUT, os traballadores e traballadoras deste sector esencial, seguiremos a esixir garantías para poder realizar a nosa tarefa nunhas condicións dignas e que garantan ao máximo a nosa seguridade e a das nosas familias, polo ben de todas e todos.