Tras o encontro convocado polo goberno galego para negociar os servizos mínimos na administración pública do país para o vindeiro 8 de marzo, a Secretaría das Mulleres da Central Unitaria de Traballadoras/es (CUT) denuncia que a Xunta volverá vulnerar este ano o dereito á folga das mulleres se non rectifica a súa proposta, na que non tivo en conta as reivindicacións das organización sindicais.
No marco do pasado 8M, a CUT denunciou á Xunta ata en tres ocasións por vulneración deste dereito fundamental, conseguindo en todos os casos sentenzas favorables ás traballadoras. Prevese que este ano a situación se repita. “Estamos dispostas a volver aos tribunais, pero sabemos que vai ser a costa dos dereitos das mulleres”, sostén a responsable da secretaría, Ana Viqueira.
A proposta dos servizos mínimos para a folga do 8 de marzo deste 2019 non só non respecta a sentenza ditada o ano anterior polo TSXG, senón que mesmo contempla un número de efectivos aínda máis abusivo. Ocorre isto tanto nas residenciais de maiores, un sector altamente feminizado e precarizado, como no sector das teleoperadoras.
Desde a secretaría das Mulleres da CUT solicítase publicamente unha inmediata rectificación por parte da Xunta que, ante as críticas dos sindicatos pre-sentes, volveu insistir na proposta presentada e pechou o encontro sen máis vontade de diálogo coas sindicalistas alí presentes.
ATAQUES CONTRA A SECRETARÍA DAS MULLERES DA CUT
Esta fin de semana, máis de dez faixas que a Secretaría de Mulleres da CUT colgara na cidade de Vigo chamando á folga do 8M apareceron pintadas cunha bandeira de España por riba do logo. Denunciamos este ataque “ machista e españolista” e ad-vertimos que “toda agresión terá a súa resposta”. “As mulleres da CUT non imos ficar caladas ante un ataque directo contra nós como sindicalistas, feministas gale-gas de clase e anicolonialistas e, como tales, plenas defensoras de todas as soberanías”.