A vivenda, o turismo e o territorio a debate

77

A Central Unitaria de Traballadoras, dando continuidade ás actividades dos Venres Culturais, organiza unha nova xornada de debate para falar e coñecer a realidade dun dos problema actuais da clase obreira.

Baixo o lema “A vivenda, o turismo e o territorio a debate” queremos analizar a realidade actual duns dos grandes problemas da nosa xeración como é a falta de accesibilidade á vivenda e como esta problemática esta relacionada co modelo capitalista do turismo e o impacto que ten no territorio.

“Este problema agrávase canto menor é a capacidade económica das familias, chegando a supoñer o pago do alugueiro ou da hipoteca máis da metade do gasto mensual.”

A cuestión non é menor, xa que os últimos datos indican que a vivenda e as dificultades para acceder a ela son unha das principais preocupacións das persoas e dos problemas de saúde mentais. Este problema agrávase canto menor é a capacidade económica das familias, chegando a supoñer o pago do alugueiro ou da hipoteca máis da metade do gasto mensual. Temos que sumarlle o aumento do prezo dos alimentos, enerxía…A non compensación destas subas nas nóminas e nas prestacións fai que cada vez o acceso a unha vivenda sexa máis difícil ou practicamente imposible.

“O capital sempre busca a máxima eficacia e a maior rendibilidade sen importarlle a perda de condicións de vida e a saúde das persoas.”

A análise quedaríase curta se non analizamos o que está acontecendo coa transformación das nosas vilas, barrios e concellos, onde cada vez é mais doado ver vivendas baleiras dedicadas ao turismo ou locais e baixos comerciais reconvertidos en vivendas turísticas. O capital sempre busca a máxima eficacia e a maior rendibilidade sen importarlle a perda de condicións de vida e a saúde das persoas.

Como clase obreira consciente e combativa temos que analizar a nosa realidade para enfrontármonos a ela e mudala. Para iso é preciso coñecer de primeira man o traballo que se está facendo por parte dos distintos colectivos e da sociedade organizada. Para iso contamos neste encontro coa participación da Plataforma de afectadas polo turismo do Morrazo e do Sindicato de Inquilinas de Vigo, Tui e Baixo Miño.

Animamos a todas as persoas a participar no encontro.

Data: Venres, 14 de febreiro

Hora: 19 h

Lugar: Local da CUT Cangas, AV. De Moaña, 27

Tlf. 986392003