A transición monárquica, o eterno retorno

571
Ricardo Castro
Ricardo Castro

Ricardo Castro Buerger  Secretario Xeral da CUT

 

 

 

O Rei Emérito Juan Carlos I, Xefe de Estado designado por Franco no ano 1969, decidiu exiliarse, ir vivir fóra, xubilarse no estranxeiro, marchar por cuestións persoais e un longo etcétera de eufemismos para non dicir que escapa de España, que pasa de campechano a prófugo, de figura chave da transición a borbón-bribón. A prensa española, que leva anos construíndo a súa figura histórica de home imprescindíbel da democracia, segue a encher de lixo o seu código deontolóxico manipulando historia e linguaxe. Agora tocará dicir tamén que Jordi Pujol é un exiliado, que  Roldán, Barrionuevo e Vera foron presos políticos, que os GAL e Felipe González son vítimas dun complot xudeo masónico, que en Iraq seguen existindo armas de destrución masiva… e sobre todo seguir dicindo que o referendo catalán era anticonstitucional, os independentistas cataláns prófugos, Valtònyc e Pablo Hasél terroristas, Bildu é ETA, M. Rajoy un señor descoñecido, Vox un partido lexítimo e así ata romper as leis da dialéctica.

Felipe VI vive na inocencia, nada sabe dos negocios do pai, nada sabe do cuñado e da súa irmá; renuncia a toda a herdanza do pai, coa excepción da coroa porque algúen terá que seguir a velar polos intereses e o capital da familia,

A causa de toda esta farsa construída polo discurso dominante e a súa  prensa servil non é outra que a de lexitimar un sistema que leva gobernando o estado español dende o ano 1939 sen interrupción. Vaiamos por partes.

Pinceladas sobre a monarquía dos borbóns

Non vaiamos nin á casa de Austria nin á Idade Moderna, quedemos coa historia dos borbóns dende que en Francia inician, coa súa revolución que puxo a guillotina no pescozo da monarquía corrupta, a idade contemporánea. Esa visión rápida permite concluír que z. Carlos IV, ese ao que Goya retratou coa cara de Juan Carlos I, exíliase a principios do XIX cando entran as tropas francesas na península (pena que non quedaran e seguiran a senda de Robespierre). Fernando VII xura a Constitución de Cádiz para chegar ao trono e metela no lixo volvendo ao absolutismo.

Os borbóns levan no sangue, ademais da coroa, a corrupción e a fuxida cando teñen problemas

A rexente María Cristina, viúva de Fernando VII, tivo que exiliarse en dúas ocasións por corrupta. A súa filla Isabel II protagonizou un reinado de continua corrupción que desemboca na I República e o seu exilio. Alfonso XII, fillo de Isabel II, chega ao trono despois do golpe de estado contra a República protagonizado pola Guardia Civil no ano 1874. Alfonso XIII, o seu fillo, goberna man a man coa ditadura de Primo de Rivera ata a proclamación da II República e colle o camiño do exilio. Juan de Borbón, o pai do campechano, vive exiliado en Portugal mentres o seu fillo, o futuro Juan Carlos I, é educado por Francisco Franco ata que onte marchou ao exilio coma se nada tivera pasado e coma se con isto chegara para limpalo todo; que pensará Puigdemont? O seu fillo Felipe VI vive na inocencia, nada sabe dos negocios do pai, nada sabe do cuñado e da súa irmá; renuncia a toda a herdanza do pai, iso si, coa excepción da coroa porque algúen terá que seguir a velar polos intereses e o capital da familia, cando menos ata o seguinte exilio.

Os medios de “información” do establishment.

O tratamento da fuxida de Juan Carlos por parte dos medios non ten outro cualificativo que de vergoña.

Dende a transición veñen construíndo un relato sobre a monarquía que a convirte en nai da democracia. Juan Carlos, corrupto, ladrón e de vida “louca” foi travestido nun home de estado impulsor da democracia e parapeto contra o 23 F que el deseñou, a súa fuxida preséntase coma un servizo ao estado e a súa corrupción como cousas da súa vida privada. A súa familia de sátrapas, vagos e inútiles, nun modelo de ben facer e xente “normal” coma nós. Felipe VI, amiguiño da ultradereita, nun home ben formado que fala as linguas de España e nada ten que ver coa corrupción. Mirar cara outro lado mentres te meten cartos no peto, en España, xa chega para ser casto e puro. Non debe existir no mundo prensa máis dependente e submisa que a española; levan corenta anos facendo a construción cultural da monarquía e anulando calquera crítica sobre ela.

Transición 1978

O Réxime do 78 é o verdadeiro dogma do Estado español, o único monolito, o saco que todo traga e tritura para reciclalo en democrático. Os seus piares son o capitalismo parlamentario, a monarquía, a constitución e a historia na cuneta.

A transición non foi máis que un tremendo esforzo de maquillaxe para perpetuar o franquismo

Franco morre deixando pechada a xefatura de Estado nas mans de Juan Carlos I, quedaba por xestionar o modelo político e diso ían facerse cargo os políticos do réxime reconvertidos en demócratas (o ministro Manuel Fraga e o falanxista Adolfo Suárez entre outros), os cachorros liberais do franquismo (Rodríguez de Miñón, Llorca-Rodrigo ou Cisneros Laborda), os “nacionalistas” como Miquel Roca (avogado da Infanta Cristina en tempos recentes, quen o diría!!). Mención separada merecen o PSOE e o PC, os dous grandes partidos encargados de maquillar a posmodernidade do franquismo.

O PSOE converteuse, da noite á mañá e por obra e graza da CIA, nun partido que renegaba do marxismo, que defendía a monarquía e avogaba polo capitalismo “socializado”; a prensa, como non, contribuíu a construír as figuras de Felipe González e Alfonso Guerra inventando curriculums de clandestinidade e disidencia para lavar a súa traizón á memoria socialista do 36. Outro tanto aconteceu co PC de Carrillo, que da noite para a mañá tamén aceptou a monarquía e a bandeira lavada do franquismo, o aguilucho ía pousar no Valle dos Caídos tendo en fite a súa tea.

A lexitimación do sistema implicou que o poder económico quedou nas mesmas mans, que a Constitución garantira a propiedade privada e o capitalismo como único sistema económico, que España seguira a ser unha e indivisíbel, que os torturadores foran exonerados de culpa e premiados polos seus servizos, que a igrexa cómplice da barbarie fora beneficiada con convenios medievais, que o reparto da riqueza non sexa posíbel, que as cunetas manteñan agochados os nomes das vítimas mentres cruces, frechas e nomes fascistas son honrados nas rúas, que aqueles que asinaron penas de morte ata o ano 1975 pasaran a formar parte do Tribunal Supremo e da Audiencia Nacional… En definitiva, a transición non foi máis que un tremendo esforzo de maquillaxe para perpetuar o franquismo.

A este lavado de cara engadiron os Pactos da Moncloa e o monopolio sindical para CCOO e UGT a cambio de prebendas e sacos de cartos que hoxe seguen a recibir, só teñen que garantir o soño de Morfeo para a loita de clases, paz social din.

Transición 2020

No ano 2008 estalou unha nova crise capitalista que puxo en evidencia cal é o sistema económico onde se sitúa o estado español, goberne quen goberne, e proba diso foi que no ano 2011, con nocturnidade e aleivosía, o PSOE e o PP acordan unha reforma constitucional do que se supoñía un texto ríxido. Foi a do artigo 135 para garantir o pago da débeda por riba de calquera interese xeral ou humanitario.

Ese mesmo ano aparecía o movemento 15-M como reacción á crise e a súa xestión, introducindo elementos no debate social que parecían esquecidos (república, anticapitalismo, réxime do 78 caduco…) ata o punto de que os aparellos do poder comezaron a preocuparse. O primeiro paso era sacar a xente das rúas, onde sempre comezan as revolucións, e para iso comezaron co discurso Cospedal: “vivimos nunha democracia e se queredes o que pedides fundade un partido e gobernade”. Alguén colleu o guante e foi promocionado pola Sexta e A3 Media (por facer a análise do papel de “estado” que xogaron estes medios aos que moitos tacharon de progres). Ese alguén foi Pablo Iglesias e os seus chicos. Colleron o recado e fundaron PODEMOS co discurso de que o Réxime do 78, a Constitución e a Monarquía estaban caducos, se eles gobernaran caería o naipe. Usaron as rúas para tocar moqueta e logo foron baleiradas para evitar molestias.

A finais do ano 19, economistas nada sospeitosos de militancia na esquerda, xa prognosticaban unha nova recesión económica, é dicir, outro crack, demostrando que o sistema non ten remedio. A COVID-19 serviu para agochar esta realidade, e se no 2008 o culpábel neutral era o mercado, agora é a COVID.

O debate non está en se Juan Carlos roubaba, se debía pasar por fiscalía ou se Felipe VI é tan corrupto coma el. O debate é se cremos neste sistema ou non

A pandemia retratou de novo ao sistema e ao Estado español: roldas de prensa militarizadas, salvación da pandemia co mantra da unidade de España, aplausos a sanitarios nos balcóns eludindo calquera responsabilidade política na privatización dos servizos públicos os últimos vinte anos, louvanza das forzas represoras do Estado polo seu labor en funcións que tiñan que ser civís, prohibición da discrepancia e ilegalización de calquera manifestación contraria ao discurso dominante, recorte das liberdades…. E xunto a todo isto comezaron a poñer os vimbios do fortalecemento do Réxime do 78 falando duns novos Pactos da Moncloa. E nesas estamos, garantíndolle a Europa o servilismo da economía española aos seus mandatos para recibir os cartos asignados nese acordo que, unha vez máis, os medios desinformativos se encargaron de transformar en histórico, sendo nefasto.

O PSOE monárquico-capitalista de González agora é de Sánchez, a ultradereita de AP agora milita en Vox, os “moderados” de AP e o espazo social da UCD agora son PP, o PC agora é Unidas Podemos, Juan Carlos agora é Felipe VI, CCOO e UGT seguen a ser mesmo e volven ser fundamentais na desmobilización da clase traballadora aplaudindo a un Ministerio de Traballo da súa corda que vive das roldas de prensa e da mentira compulsiva. Estamos ante a Transición 2.0. Igual que entón estamos nunha crise económica para a que nos ofrecen a mesma saída que fixera a Escola de Chicago de Milton Friedman: neoliberalismo e recortes sociais, débeda cero.

Neste contexto saltou o escándalo do Rei Emérito, como se non souberan que fixo durante estes corenta anos. A prensa falaba do papel importantísimo da súa maxestade cando viaxaba polo mundo rodeado de empresarios para conseguir negocios, acaso non sabía a que prezo? Non estarán agora utilizando ao Emérito para limpar unha monarquía que saben corrupta historicamente e agora comezaba a ser criticada? Non será que pretenden illar a Felipe VI e presentalo como o home de Estado que representa os valores da democracia e do bo facer? Non é idéntica xogada e mesmos protagonistas que no 78?

O debate non está en se Juan Carlos roubaba, se debía pasar por fiscalía ou se Felipe VI é tan corrupto coma el. O debate é se cremos neste sistema ou non. O grande problema para a clase traballadora é o réxime do 78 ( Rei Constitución española+PSOE+PP+VOX+UNIDAS PODEMOS+Unidade de España+capitalismo) e neste momento no que xa teñen o discurso preparado para máis precariedade, menos servizos públicos e máis represión, non queda outra que crear a unidade popular e de clase e situármonos no lado da historia que fai traballar a guillotina. Mentres nos salóns de palacio bailan, forcemos outro eterno retorno, o de 1789.