A asesoría xurídica da CUT posicionouse de maneira reiteradamente crítica coas campañas de captación de clientes do Despacho Profesional Arauz&Belda fundamentadas na inevitabilidade dun pronunciamento do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que establecese a fixeza como sanción ao abuso na contratación temporal por parte das administracións públicas.
Dita expectativa, así como outras expectativas similares, son produto de saídas antisindicais a un dos problemas esenciais do emprego público que non é a pasividade das administracións públicas estatal e galega para reparar o dramático abuso masivo de temporalidade senón, por contrario, a actividade precarizadora do emprego público por parte destas mesmas administracións, que de maneira irresponsábel pero interesada constrúen un continxente de man de obra dócil ao seu servizo, instalada en vidas e traballos inestábeis, temporais, e fraxilizados.
Cómpre non esquecer tampouco o rol dos sindicatos sistémicos como CSIF, CCOO ou UGT que se converteron en alianzas imprescindíbeis da patronal pública para perpetuar esta realidade. E para buscar saídas ante o cerco europeo á precariedade española en forma de auténticos expedientes de regulación de emprego (EREs) encubertos.
Pero tan dramático como a anterior é que sobre o sufrimento e sobre as expectativas de xustiza, reparación e estabilidade das traballadoras públicas máis precarias se estea a establecer un mercadeo de fogos de artificio sen ningún tipo de principio alén do diñeiro que agora mesmo protagoniza o Despacho Arauz&Belda pero que anteriormente patrocinaron dispositivos mercantís como o de Martos Abogados, por moito que semelle que a existencia desta sucesión de gurús queda soterrada na desmemoria.
Curiosamente, no terreo parlamentario, son os grupos de ultra ou extrema dereita (nomeadamente VOX) os que procuran tallada desta situacións de precariedade propoñéndose como facilitadores dun problema do que son directamente responsábeis pola súa actividade política nos postos de responsabilidade da ala extremista dunha dereita hai uns anos agrupada no Partido Popular.
Adxuntamos unha circular da nosa asesoría xurídica para toda a afiliación, onde se analizan as cuestións prexudiciais C-103/18 E C-429/18 sobre a Fixeza e outras materias e o informe da Avogada Xeral do T.X.U.E Juliane Kokott.
Na nosa opinión, segue a impoñerse como única solución real a sindical, a través dun proceso mobilizador e de loita activa que bregue pola inmediata posta en marcha de mecanismos legais de integración ao emprego público estábel das empregadas vítimas de abuso nos seus vínculos coa administración.
Seguimos sen ver vía xurídica para o recoñecemento directo da fixeza ou relación de análoga estabilidade (á excepción dos abusos resultantes da superación de determinados procesos selectivos), e con este Informe se calla tal idea está aínda máis lonxe. Con todo, seguimos a ter a convicción da legalidade e utilidade de fórmulas de consolidación de emprego como vía de solución dunha situación de precariedade masiva organizada por unha administración culpábel.
Por tanto, esta liña de loita contra a precariedade pasa pola esixencia da inmediata posta en marcha dun proceso negociado de carácter extraordinario e excepcional para a consolidación de emprego que actúe de vez sobre o grande continxente de empregadas temporais en fraude na administración galega e noutras administracións. Unha batalla que urxe aínda máis se cabe, nun momento no que a administración está a facer auténticas manobras circenses para a partires do cambio de vínculos (de laboral a funcionario) ou a través da posta en marcha do acordazo do ERE encuberto celebrado en Madrid con CCOO, UGT e CSIF e en Galiza cos dous primeiros, intentar ou ben o cesamento gratuíto do persoal vítima de abuso ou ben a perpetuación dese mesmo abuso.
Na nosa actuación xurídica asumimos que o camiño que temos iniciado vén sendo lexitimado, e que segue a ser a conquista dun maior grao de estabilidade para o persoal froito do abuso a través dos actuais recursos da nosa xurisprudencia (indefinida non fixa e nulidade dos cesamentos) intentando que estas figuras amplíen o seu carácter protector actualmente insuficiente, mentres os procesos de estabilización/consolidación que deben ser conquistados sindicalmente non se poñen en marcha, así como a batalla para frear os procesos selectivos de exterminio masivo pactados entre a patronal pública e os seus sindicatos títeres. Outra volta, a acción xurídica como barreira entre tanto a acción sindical non dá os seus froitos. Nunca o xurídico como acción homeopática. Non existen vías máxicas nin atallos para poñerlle fin á precariedade laboral. A loita sempre foi e segue a ser o único camiño.
Podes descargar a circular premendo aquí
Circular 2_2019