LEMBRA QUE ESTE 3 DE XUÑO ESTAREMOS ÁS 12.00 NA PRAZA DO TOURAL PARA PEDIR XUNTAS O FIN DOS ABUSOS DESTA CONSELLERÍA.
O pasado mes de xullo, o TS ditou sentenza arredor dos concursos de traslados no ámbito do Ministerio de Educación. Nesta ligazón podedes consultala: SENTENZA
Dita sentenza recolle que o tempo de servizo debe ser recoñecido para calquera tipo de vínculo contractual: funcionario de carreira, laboral, interino, ou calquera outra forma de provisión temporal. Isto inclúe ao profesorado en prácticas que ata o de agora viña concursando con 0 puntos no seu primeiro CXT, sen recoñecerse baremo algún, nin por servizos prestados nin noutros apartados.
O que a sentenza vén a determinar é que os servizos prestados si teñen que ser valorados tamén para o funcionariado en prácticas, xa que na Galiza xa era recoñecido para o persoal interino a partir do segundo CXT. A partir de xullo de 2022 (o que inclúe o CXT publicado o 24 de abril e de maio respectivamente) ningún funcionario en prácticas pode concursar con 0 puntos. Isto inclúe ao profesorado que aprobou as oposicións de 2022.
Como xa sabemos, a Xunta ignorou como é habitual, dita sentenza e non a aplicou no CXT recentemente pechado. Os sindicatos de ensino da Mesa Sectorial estatal (CCOO, UGT, CSIF, ANPE, STES, CIG) trataron este asunto no seu día pero sen dar traslado ás autonomías.
En recente escrito do propio Ministerio deixa claro que corresponde ás autonomías introducir o sentido da senteza nos CXT autonómicos. Na Galiza, por tanto, non pode pasar un CXT máis sen ser aplicada, independientemente do tipo de acceso do personal docente.
Isto último é de especial importancia no contexto actual, xa que sindicatos aínda sendo coñecedores desta realidade, e nomeadamente CCOO está a alentar a división entre o profesorado, poñendo o foco no persoal do concurso de méritos e obviando que calquera que acceda terá que someterse a estas regras, por concurso, oposición ou concurso-oposición, as 3 vías que marca o EBEP para ser funcionario de carreira. Para maior escarnio, facéndolles perder tempo e diñeiro e a sabendas de que é inamobible unha decisión do Tribunal Supremo.
Dende a CUT queremos alertar deste falso mantra que está a cuestionar os puntos do profesorado de acceso por concurso de méritos, como suposto grupo beneficiado por esta medida por non facer fase de prácticas, cando a realidade é que ao profesorado aprobado en 2022 e 2023 e sucesivos está xa na mesma circunstancia. Isto é algo que ten que estar presente na convocatoria do CXT 23-24 para calquera funcionario de carreira ou en prácticas, xa que a Consellería de Educación non pode ignorar esta sentenza por máis tempo.
No fondo da cuestión reside o feito de que o profesorado tivo os seus dereitos recortados durante décadas no recoñecemento do seus servizos prestados e esta sentenza ten que lerse como un avance no dereito de todas, deixando de misturar o proceso de estabilización que simplemente é coincidente no tempo e nada ten que ver coa sentenza en si, aplicable a calquera proceso ordinario.
Crear caos, enfrontar ao profesorado e manipular a opinión pública por un beneficio que en realidade é colectivo, ao recoñecer o tempo traballado en ensino en calquera figura contractual, é máis propia dunha banda de trileros que de quen pretenda chamarse sindicato e que oculta premeditadamente esta informacion ao conxunto do profesorado.
Calquera dúbida escríbenos a: cutensino@cutgaliza.org