A Secretaría das Mulleres da CUT ve “vergoñenta e insultante” a programación da TVG para o 8M

359

A Central Unitaria de Traballadoras (CUT) denuncia a programación que a TVG artella para este venres 6, o sábado 7 e o domingo 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora. Entre os contidos, figuran filmes ou series “de recheo, cuxo único mérito é levar un nome de muller no título”. Por exemplo, a película ‘Unha muller invisible’, programada para a noite do sábado 7 de marzo, ten máis de 13 anos de antigüidade. “O prime time do 7 de marzo da CRTVG é unha película que ten máis de 13 anos de antigüidade que narra a historia de como un home salva unha muller, non é isto un insulto a todas as galegas?”, denuncian dende a Secretaría das Mulleres desta central sindical. Outros exemplos son a película ‘Dolly Parton: historia dunha vida’, filme estadounidense do 2015, a serie ‘Luci’, estreada no 2014 na TVG, ou ‘A paixón de María Soliño’, do 2012.

A televisión pública galega basea a súa programación na semana do 8 de marzo en reposición cutres demostrando que non lle outorgan valor algún ao movemento feminista galego, nin ás transformacións sociais conqueridas, nin á diversidade das mulleres e as violencias que combaten día a día, nin aos debates sociais latentes nin ás esixencias e opinións de todas as mulleres”; denuncian dende a Secretaría das Mulleres da CUT.

Por que a CRTVG insiste en ocultar a forza das mulleres? Por que non visibilizan a forza das superviventes de violencias machistas? Por que non narran a historia dos feminismos galegos? Por que non mostran a xenealoxía das mulleres que construíron a historia do noso país a base de revoltas? Por que non temos na TVG un documental das mulleres Encrobas? Por que non escoitamos a voz das mulleres ciganas? Das negras? Das trans? Das mulleres presas? Das migrantes?”, apelan dende a central sindical que convidan a todas as feministas galegas a denunciar esta programación “vergoñenta”. “Esta programación é un insulto a todas as feministas galegas”, lamentan.

Ante isto, a Secretaría das Mulleres da CUT chama a todas as traballadoras da CRTVG a denunciar esta programación, a secundar a folga feminista como un xeito de protesta ante os abusos e machismos exercidos pola dirección do medio de comunicación público diariamente e a visibilizar a loita feminista no centro de traballo a través dunha pegatina no caso das nomeadas nos servizos mínimos.

Por último, lembran que “os sistemas de traballo na CRTVG baséanse no castigo daquelas comunicadoras que non secundan a liña editorial da dirección que outorga temas de menor importancia a quen non obecede, promovendo directamente a autocensura”, indican dende a CUT. “Esta práctica adoita usarse con máis dureza no caso das mulleres e dos contratos máis vulnerables como os contratos en prácticas ou as FEUGA”. “Co feminismo combatemos o maltrato laboral, o acoso, as privatizacións, a manipulación, a programación clasista e machista, e tamén a transfobia, o capitalismo, o racismo, a LGBTQfobia e todas as violencias que se basean na opresión”, puntualizan dende o sindicato, que apela á seguinte frase da activista e filósofa norteamericana Angela Davis: “O feminismo non é só unha estratexia para superar a opresión baseada no xénero senón tamén contra o racismo, o fascismo, o materialismo ou a opresión económica”.