A Secretaría das Mulleres da CUT denuncia os servizos mínimos abusivos nos centros de ensino

304

A CUT enviou hoxe unha carta dirixida ás direccións dos centros de ensino para denunciar os servizos mínimos abusivos para a folga do próximo 8 de marzo. Denunciamos, ademais, a vulneración do dereito á folga das traballadoras dos centros de ensino en postos non docentes, impedidas no exercicio do seu dereito cunha imposición unilateral non negociada de servizos mínimos do 100%.

A continuación pódese ler a carta completa:

CARTA ÁS DIRECCIÓNS DOS CENTROS DE ENSINO NO 8 DE MARZO

Estimada compañeira/o da Dirección dun centro de ensino público galego,

Este 8M as organizacións sindicais galegas do ensino rexistramos convocatoria de folga na que chamamos ás mulleres á cuarta folga consecutiva no Día Internacional das Mulleres co fin de visibilizar o seu papel necesario na vida, nos coidados e nos centros de traballo.

Nos últimos tempos vimos observando como dende Función Pública se están a establecer uns servizos mínimos abusivos, desta volta coa escusa da COVID pero que na realidade xa se viña producindo en ocasións anteriores. Non atopamos xustificación a estes servizos ditaminados dada a gran normalidade anunciada e publicitada pola Xunta nos centros de ensino galego, entendemos que esta medida vai dirixida a minorizar os efectos dunha folga necesaria.

Coñecemos a dificultade e o inxusto de ser as propias Direccións as que teñan que determinar e elixir que persoas deben cubrir ditos servizos mínimos sen criterio obxectivo algún e que queda ao bo entender de cada centro, facendo árbitros electores ás nosas compañeiras/os das Direccións sen criterio legal para elixir a un ou outro docente. Neste punto reivindicamos a a transmisión da queixa á Inspección Educativa e Dirección da Xefatura Territorial correspondente ata ter instrucións precisas dos procedementos de elección obxectiva dos membros do claustro afectados por un servizos mínimos deste calibe.

O ditamen de servizos mínimos, coñecido aínda como borrador a estas alturas e sen acordo no paripé de negociación da Xunta co comité de folga e non aceptado polas organizacións convocantes, obriga a permanecer no centro sen poder exercer o seu dereito a folga á maior parte das mestras dos centros de primaria e educación infantil e ensinanzas especiais e a boa parte da profesoras de secundaria e formación profesional. Esta situación anómala no exercicio deste dereito fundamental leva a esta organización sindical a solicitar a vosa colaboración para que as compañeiras docentes poidan exercelo sen trabas:

SOLICITAMOS O NOMEAMENTO DE SERVIZOS MÍNIMOS AOS HOMES NO DÍA 8 DE MARZO, NOS CENTROS DE ENSINO ONDE SEXA POSIBLE E, ONDE NON SE ACADE O CUPO, PRIORIZAR AOS COMPAÑEIROS PARA OCUPAR DITA OBRIGA NO DÍA DE PROTESTA OBREIRA DAS MULLERES.

Agardamos a vosa colaboración nesta loita necesaria na que levamos á fronte a loita pola igualdade e o recoñecemento de dereitos da metade da humanidade.

Secretaría das Mulleres da CUT

Na Galiza, a 04 de marzo de 2021

DENUNCIA DE SERVIZOS ABUSIVOS NO CENTRO DE ENSINO PARA AS COMPAÑEIRAS NON DOCENTES

Dende a CUT denunciamos a vulneración do dereito á folga das compañeiras traballadoras dos centros de ensino galego en postos non docentes: coidadoras, auxiliares técnico educativas, administrativas, cociñeiras e traballadoras da limpeza son impedidas no exercicio do seu dereito cunha imposición unilateral non negociada de servizos mínimos do 100%.

Esta determinación só se pode aplicar en casos de máxima urxencia, o que determinan coa escusa da COVID que toda medida arbitraria e abusiva ampara neste tempos. Os postos de traballo relacionados está ocupados nun 90% por mulleres polo que será na maioría dos centros que ningunha delas poderá unirse á folga, creando nestes colectivos xa de por si precarizados unha dobre discriminación: como traballadoras precarizadas con escaso recoñecemento social do seu labor e coa redución dos seus dereitos fronte ás compañeiras docentes dos seus centros de traballo.

Non podemos consentir que a Xunta vulnere novamente os dereitos das mulleres aínda a sabendas de que o día 8 está convocada tamén unha folga de estudantes que fará que moitos centros de ensino traballen a medio gas nun día de protesta colectiva.

Por todo isto esiximos a Función Pública que estableza un servizos mínimos acordes á situación real e sen afectar aos dereitos das mulleres nos que se poñan á fronte os HOMES de cada servizo e se reduzan ao imprecindible a presenza das mulleres.

Secretaría das Mulleres da CUT