A sección sindical da CUT na CRTVG denuncia a fascistización das relacións laborais nos medios públicos de comunicación

85

O noso sindicato vencella a publicación dunha normativa interna sobre o uso dos sistemas de información da Compañía cun intento de reprimir e sementar o terror entre o persoal para acabar con iniciativas como as denuncias da manipulación informativa.

A sección sindical da Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras (CUT) na Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) denuncia unha escalada de fascistización das relacións laborais no ente público, tras a publicación o pasado venres 10 de xaneiro dunha resolución do director xeral que establece unha normativa sobre o uso dos sistemas de información da Compañía de obrigado cumprimento para todo o persoal.Dita resolución, que se elaborou e publicou de costas á representación sindical, prohibe literalmente, entre outras cousas, “utilizar a rede corporativa” para realizar actividades “que poidan atentar contra a moral ou as normas establecidas pola compañía”; “enviar información confidencial da CRTVG ao exterior, mediante soportes materiais ou a través de calquera medio de comunicación”; “posuír, para usos non propios da súa responsabilidade, ningún material ou información propiedade da CRTVG”.Con respecto ao acceso a Internet, a normativa restrinxe “o uso do sistema informático da CRTVG para acceder a redes públicas como Internet” “aos temas directamente relacionados coa actividade e os cometidos do posto de traballo do usuario”; a mesma limitación que se impón para “o acceso a páxinas web, grupos de noticias e outras fontes de información”. Segundo advirte a normativa, “CRTVG resérvase o dereito de monitorizar e comprobar, de forma aleatoria, calquera sesión de acceso a Internet iniciada por un usuario dentro da rede corporativa.Sobre o uso do correo electrónico, avísase tamén de que a “CRTVG resérvase o dereito de revisar as mensaxes (…) e os arquivos LOG dos servidores co fin de comprobar o cumprimento desta normativa”. Prohíbese “enviar mesaxes de correo electrónico de forma masiva” e “enviar ou reenviar mensaxes en cadea ou de tipo piramidal”, así como “configurar ou instalar contas de correo electrónico alleas á CRTVG” ou enviar correos “a foros de discusión, listaxes de distribución ou grupos de noticias que comprometan a reputación da CRTVG”.Á marxe de calquera acción legal que o sindicato puidese emprender contra esta resolución nos vindeiros días, a sección sindical da CUT na CRTVG denuncia que o verdadeiro obxectivo desta normativa, que criminaliza e pon baixo sospeita a todo o persoal no uso cotiá que realiza dos sistemas de información, é reprimir e sementar o terror entre os traballadores e traballadoras da CRTVG, da TVG e da RG para que depoñan actitudes xurdidas nos últimos meses, como a súa participación na elaboración do blog “eunonmanipulo”, que denuncia as prácticas de manipulación informativa na televisión pública. Segundo a CUT, para todo o demais, xa existe un rexime disciplinario moi completo, o que alimenta aínda máis as dúbidas sobre as razón polas que se publica esta normativa agora.A representación da CUT nos medios públicos esixiulle esta mañá á dirección da empresa a retirada desta normativa, solicitude que foi rexeitada.A sección sindical considera que o documento, que a empresa xustifica como un instrumento de protección da información corporativa, pretende tamén entorpecer a obtención da documentación que os traballadores e traballadoras precisan para achegar nos xulgados como probas cando interpoñen demandas logo dunha violación sistemática dos dereitos laborais por parte da CRTVG. En opinión do sindicato, a norma podería vulnerar tamén dereitos fundamentais que protexen á representación sindical, que non queda exenta do control e da monitorización dos equipos informáticos e das comunicacións que utiliza nas instalación da empresa pública.Nesa escalada represiva que a CUT denuncia, hai que lembrar que só uns días antes da publicación desta normativa, a empresa sacou outra circular referida ás normas que deben rexer o estilismo e a vestimenta de todo o seu persoal, que segundo o sindicato pretende disuadir da utilización de eslogans, chapas ou camisetas contra a manipulación informativa.A representación da CUT na CRTVG considera por último unha grave irresponsabilidade publicar esta resolución en plena negociación do convenio colectivo, sen avisar sequera á representación sindical, amarrada e ocupada nunha mesa de negociación que, polo simple feito de estar aberta, constituiría o ámbito lexítimo e razonable para tratar de consensuar medidas de protección da información da Compañía, no caso de que ese fose o obxectivo real que perseguise con esta resolución a empresa. San Marcos, 14 de xaneiro de 2014