A sabedoría é de dereitas

272

Chama a atención que o comité de sabios e expertos convocado polo ministro de Facenda para revisar a cuestión dos impostos chegase exactamente ás mesmas conclusións da Patronal: hai que subir os impostos indirectos e baixar os directos. Así dá gusto.Xo dixemos unha vez e dirémolo mil máis: os impostos indirectos son máis inxustos que os directos porque gravan por igual aos que teñen máis renda e aos que non, é dicir, aquí paga o mesmo pola gasolina Amancio Ortega e a traballadora dun dos seus talleres semiclandestinos de costura. Os criterios de esquerda son: impostos directos e progresivos, quen máis teña que pague máis.Ademais diso, o comité de sabios propón subir o IVE en produtos de primeira necesidade, alimentación e calzado, encarecendo aínda máis o custo da vida nun contexto económico durísimo para a clase traballadora, cun taxa de paro dun terzo e os salarios conxelados, é dicir, baixando, desde hai máis dun lustro.É unha mágoa que o devandito comité de sabios e expertos non concentrase as súas críticas na cuestión da evasión de impostos e das SICAVs, eses paraísos artificiais nativos legalizados. Pero bueno, xa se sabe, hai que evitar a fuga de capitais e favorecer a inversión, non vaia ser que os ricos decidan marchar cos aforros a Suíza e teñamos que facerlles unha nova amnistía fiscal dentro dun par de anos.Hai un par de anos, un dos homes máis ricos do mundo Warren Buffet dixo que non lle parecía xusto que el pagase, en porcentaxe, menos impostos que a súa empregada doméstica. As súas declaracións foron bastante escandalosas no seu día, pero foron, tamén, sendo esquecidas co tempo. Este mesmo personaxe dixera, uns anos antes, que a loita de clases existía, e que ían gañando os ricos. Un ghicho sincero, como vemos.Na clase traballadora estamos fartos de que nos rouben, estamos fartas de pagar os desfalcos millonarios de Blesa, de Gayoso, de Sacyr, das eléctricas…, estamos tamén moi fartos destes comités de sabios pagos por unha Patronal que non sabe como facer para vampirizarnos mellor. E por iso, o vindeiro 22M imos estar en Madrid berrando ben forte que non estamos dispostos a aturar unha aldraxe máis.