A “CASA DAS CRECHAS” INCUMPRE O CONVENIO

132

O pasado venres a sección sindical volveu a esixir o pagamento das horas ilegais e do complemento de nocturnidade na segunda concentración convocada en pouco máis de dous meses.

Compostela, 22. 11. 2010. A pasada noite do venres 19 de novembro o ambiente na Vía Sacra, lugar onde está situado o emblemático pub Casa das Crechas, presentaba un aspecto lixeiramente diferente. Ao habitual bulicio nocturno e acordes de música folk sumábanse proclamas como “Cos nosos dereitos non se xoga” e nunha faixa podíase ler que “A Hostalaría está en Loita”.

Máis de medio centenar de persoas convocadas pola sección sindical da Central Unitaria de Traballadores/as (CUT) concentráronse ás portas do coñecido local compostelán para denunciar os incumprimentos laborais e demandar a aplicación do convenio provincial. 

Esta vén a ser a segunda concentración que se celebra en pouco máis de dous meses para reivindicar o cumprimento da lexislación laboral básica na Casa das Crechas e a abertura do proceso de negociación colectiva, logo das elección sindicais celebradas no mes de setembro, nas que a CUT obtivo a representación.

No manifesto repartido entre clientes e viandantes, os traballadores e traballadoras denuncian a negativa da empresa a recoñecerlles o complemento de nocturnidade recollido no convenio para compensar o traballo desenvolvido no período comprendido entre as 22:00 e as 06:00hs, asemade das horas ilegais que veñen realizando de forma sistemática nos últimos anos e polas que nunca recibiron ningún tipo de retribución.

A sección sindical CUT-Crechas alertou que o feito de que non se pague nin se cotice polas horas realizadas por riba do horario estipulado nos contratos supón un claro socavo dos dereitos laborais alén dunha fraude á caixa pública da seguridade social.

Tamén sinalou a manobra realizada nas últimas semana pola administración deste pub para esquivar o pagamento das horas extraordinarias a través da modificación dos horarios de peche, obrigando o plantel a acelerar o ritmo de traballo e a expoñerse a riscos laborais innecesarios con tal de eludir as responsabilidades económicas que lle corresponden á empresa.

A estas reivindicacións hai que sumar as presións que veñen sufrindo algúns traballadores e traballadoras por parte da empresa dende a apertura do conflito, así como a campaña de deslexitimación lanzada contra a representación sindical democraticamente elixida, amosando un comportamento moi distante do modelo de economía social do que se afana en presumir a administración da Casa das Crechas.

Nese sentido, é imperativo recordar que a economía social asentase nos principios de participación e toma de decisións democráticas, na distribución equitativa dos beneficios e na primacía das persoas e do traballo sobre o capital. Unha realidade que se parece ben pouco ao escenario que presenta a Casa das Crechas, onde seguiríamos verificando situacións de grave atropelo dos dereitos laborais como a presenza de persoal sen contrato nin alta na seguridade social, o incumprimento do descanso mínimo de 12 horas entre xornadas ou a ausencia dun calendario laboral, de non ser pola acción de denuncia e presión realizada pola representación sindical nesta empresa.

Malia que a reacción deste establecemento hostaleiro á laboura de dignificación das condicións de traballo que está a realizar a sección sindical sexa lanzar acusacións difamatorias e infundadas e sustentar unha actitude despótica que acabou por erosionar a vía do diálogo co conxunto das traballadoras e traballadores, a CUT non cesará no seu empeño para se aplique o convenio colectivo da Coruña neste centro e para que se recoñezan abertamente todos e cada un dos dereitos laborais que tanto esforzo nos custou acadar á clase traballadora.

Para iso, poñeranse en marcha o abano de medidas de acción sindical necesarias, empezando por renovar a convocatoria de concentración diante da Casa das Crechas para o vindeiro venres 26 de novembro ás 00.00 horas, asemade de outras iniciativas que proximamente iremos informando.