A violencia contra as traballadoras e a protección policial dos movementos fascistas non é novidade. A complicidade do Estado na execución de cargas masivas contra as mobilizacións é unha condición imprescindíbel.
Nunca quebrou o fío que une á policía franquista coa policía do Estado moderno que mantén esta confrontación aberta e persistente coas mobilizacións populares. O aparato policial é se cadra a institución que con maior entrega garantiu o aliñamento persoal, cultural e metodolóxico coas aspiracións da ultradereita.
Pola súa función esencial de asegurar que o sistema capitalista se reproduza ao extremo sen unha oposición eficaz, se ben é necesario quebrar todos os medios de organización da clase traballadora e aos movementos populares, non sería imprescindíbel unha adhesión policial ás ideas promocionais do fascismo.
“A presenza omnímoda do sindicato fascista JUPOL (VOX), candidatura máis votada no Consello da Policía, é indicativa dunha cultura policial dominante que procura nas operacións do que denominan orde social a satisfacción dun pracer particular no uso da violencia.”
Porén, a presenza omnímoda do sindicato fascista JUPOL (VOX), candidatura máis votada no Consello da Policía, é indicativa dunha cultura policial dominante que procura nas operacións do que denominan orde social a satisfacción dun pracer particular no uso da violencia. O que se traduce nun recurso a cada pouco máis frecuente e grave ao uso da forza contra as obreiras.
Isto permite comprender o profundo desequilibrio no trato policial: camaradería e comprensión con ocasión das mobilizacións da ultradereita; violencia extrema para frear a mobilización das clases populares, ao punto de poñer en risco a vida das manifestantes.
“Trátase de utilizar a provocación policial deliberada (con detencións inxustificadas e humillantes, e sen descartar a infiltración) para promover a natural resposta de indignación e presentar as agresións policiais como lexítimas.”
O desafío esencial da policía é como normalizar esa brutalidade socialmente. Ao respecto existen propostas, mesmo no ámbito académico, que describen como provocar a disolución pola forza das manifestacións populares. O comisario xefe David Piqué i Batallé no seu traballo A Síndrome de Sherwood, recorda, entre outros, o modelo Musashi para a aniquilación do adversario (sic). Trátase de utilizar a provocación policial deliberada (con detencións inxustificadas e humillantes, e sen descartar a infiltración) para promover a natural resposta de indignación e presentar as agresións policiais como lexítimas. A sociedade civil galega está aburrida do recurso a esta argucia.
Unicamente quen teña un interese real no uso da represión contra as esfameadas, ou quen padeza a mesma simpática mingua de facultades ca Dory – o desmemoriado peixe cirurxán da saga de Pixar – pode ignorar esta función esencial das policías na conservación da orde social. E asistir, por tanto, con indiferente inxenuidade – e ata optimismo – ao seu teatro represivo.
O compromiso do PSOE con esta brutalidade represiva é claro. A través do Ministerio do Interior e das delegacións do Goberno, exerce a dirección política da seguridade cidadá e das actuacións das UIP. E, polo tanto, adopta tanto a decisión de disolver á forza as mobilizacións como a de non investigalas.
Unha carga policial non é, como regra xeral, a decisión dun «tonto motivado». Aparece deseñada en termos políticos pola mesma organización que, se ben as trata de evitar polo seu custo electoral, goza no entanto da cálida protección da orde burguesa que estas intervencións dispensan.
“A ultradereita policial ten moito que lle agradecer ao PSOE pola cobertura política, a ausencia de depuración de responsabilidades e a defensa das intervencións. Só co despregamento de todos estes mecanismos de impunidade poden seguir gozando do abuso na disolución das marchas”
A ultradereita policial ten moito que lle agradecer ao PSOE pola cobertura política, a ausencia de depuración de responsabilidades e a defensa das intervencións. Só co despregamento de todos estes mecanismos de impunidade poden seguir gozando do abuso na disolución das marchas. Tamén así se entende a razón de que a política máis estimada pola dereita, Margarita Robles, sexa a segundo da súa candidatura ás congresuais.
Despois da agresión aos movementos sociais na Coruña falou Pedro Blanco, delegado do goberno na Galiza: «A actuación policial foi a que tiña que ser». Como dixo Dory: «Segue nadando».








