A pensión media en Galicia é a mais baixa do Estado

54

O 9 de novembro, compañeiras e compañeiros da CUT, CNT e CXT manifestáronse en varias cidades galegas en defensa das pensións. O xoves 21 de novembro, as 20:00 horas, terá lugar unha nova manifestación en Vigo convocada conxuntamente pola CUT, CGT, STEG, SF-IN e SE. Uns poucos datos axudarannos a ter unha perspectiva cuantitativa fronte ao programa de reforma neoliberal.
A pensión media en Galicia, tendo en conta o total dos réximes da seguridade social, é a mais baixa do Estado. No mes de outubro sitúase en 723,56 euros; 136,44 euros inferior á media estatal (860 euros). No penúltimo lugar está Extremadura con 726,10 euros, seguida de Murcia con 758,33 euros. Ao contrario, as pensións medias mais altas son as de Euskadi (1.062,05 euros) e Madrid (1.018,15 euros).

Do total de 741.516 pensionistas galegos, 457.968 son xubilados que teñen unha pensión media de 814,45 euros (984,67 euros no conxunto do Estado), 186.216 son perceptores dunha pensión de viuvez con 522,33 euros de media (619,01 euros no Estado), 69.309 persoas que reciben unha pensión de incapacidade permanente de 800,09 euros de media (909,25 euros no Estado), 22.320 de orfandade (366,67 euros) e 5.793 da tipoloxía “favor de familiares” (463,60 euros).Por provincias, as pensións mais altas están en A Coruña e Pontevedra cun promedio de 763 euros, baixando a 642,17 euros en Lugo e 622,33 euros en Ourense. En relación aos réximes mais importantes, no réxime xeral a pensión media sitúase en 857,50 euros (954,39 euros no Estado) e no caso de autónomos 530,46 euros (604,89 euros no Estado).A diferenza por sexos é sanguenta. A 31 de decembro do 2012, a pensión media das mulleres galegas, contando todo tipo de pensións (xubilacións, viuvez, orfandade, incapacidade permanente, …) situábase en 556 euros; 317 euros inferior á dos homes. No caso do réxime xeral, a muller galega percibe unha pensión media de 665,34 euros fronte aos 1.004,81 euros dos homes.Por último, sinalar que, segundo diversos informes, a aplicación das diferentes medidas de revalorización, sen referencia ao IPC, e tendo en conta outros factores macroeconómicos de conxuntura e ideolóxicos, poden levar a unha perda de ata o 28% de capacidade adquisitiva das pensións nos próximos anos. Vistas as cifras anteriores, o espolio colle bríos. Área Estatística e economía social