A OPE 2022, outra vez un sistema non válido

386

Desde a CUT levamos 5 anos denunciando as bases dos procesos de concurso-oposición de ensino que permiten un sistema de acceso cheo de sombras pola mala organización da Consellería e a falta de transparencia.

O primeiro que é xa costume, pero que seguimos a considerar inaceptable, é a cantidade de persoas que non supera a primeira proba baixo parámetros descoñecidos.

Milleiros de aspirantes que botan horas e horas de estudo, sacrificando a súa vida persoal e familiar non superan sistematicamente unha proba con criterios de aprobado totalmente arbitrarios. Semella que a Consellería de Educación quere convencernos que o 90% das persoas opositoras non son quen de aprobar o exame de contidos teóricos. Persoas de demostrada valía académica e profesional non son quen de superar unha proba deseñada para que así sexa.

Milleiros de profesoras temporais e aspirantes obtiveron ano tras ano o mesmo resultado: suspenso sen posibilidade de revisión e sen información ningunha da proba realizada.

Esta exclusión sen dereito a nada, levou a moitas persoas a sufrir problemas de saúde mental con capítulos depresivos e abandono da expectativa do aprobado. A humillación e frustración non reside tanto no feito de suspender senón na imposibilidade de rectificación ou mellora ante o descoñecemento da valoración feita e a falta de verificación e garantías no proceso. A falta de dignidade preséntase como puntal neste proceso onde as aspirantes son desprezadas ata o abandono da aspiración sen camiño a réplica.

Non é un paradoxo? Non superan a primeira proba, mais sen embargo son profesorado competente que desenvolve o seu traballo de forma correcta tanto en contido teórico coma práctico e burocrático

Que está a acontecer? Acaso a Consellería mantén nas aulas a un profesorado tan incapaz que non é quen de superar unha proba ou é que hai un mandato de establecer uns límites descoñecidos no aprobado que só academias e preparadores a 200 euros/mes coñecen?

A maior parte das aspirantes teñen máis que demostrado a súa capacidade e mérito nas aulas por anos, mais os principios de igualdade e transparencia que aparecen nas leis, onde é que están?

A contradición é evidente, co traballo diario como profesoras demostran que a Consellería está moi equivocada no seu modus operandi e que non sabe tirar beneficio do grande capital humano do que dispón xa nas aulas

O ensino público conta con profesionais que dan un servizo de calidade pese a recortes, falta de recursos e medios e o ninguneo constante por parte da Consellería.

As compañeiras que forman parte dos tribunais vense na obriga de ser partícipes deste desatino. A grande cantidade de persoas aspirantes por tribunal obriga a horarios maratonianos e extenuantes, a natureza desaxeitada das probas e dunhas rúbricas pechadas e constreñidas e, por enriba de todo, unha falta de colaboración total desde as institucións para frear esta situación. Tan só existen presións para acabar canto antes.

Desde a CUT estamos a pelexar por un sistema de acceso xusto, transparente e digno. Xa fomos aos tribunais do contencioso onde, como é habitual o TSXG sentenzou en favor da Xunta e as súas artimañas.

Pero non imos descansar ata conseguir a transparencia que faga que o proceso sexa limpo e xusto.

A Consellería tenos xa enfronte e sabe que antes ou despois a loita pola dignidade ímola gañar.