A NEUTRALIDADE DOS MERCADOS

86

 Os mercados, eufemismo baixo o que se esconden os intereses do capital quere impoñer a aplicación máis restritiva e leonina da reforma laboral.Presionan constantemente para que se apliquen xa as medidas deseñadas polo goberno do estado e cando estas se apliquen non lles chegarán e quererán máis e máis, móstranse, outra vez, como insaciables depredadores neste terreo.
A política desenvolvida polo capital está clara, especulan economicamente cos estados (débeda, liquidez, sectores produtivos…) para despois ir rapidamente ao rescate iso si, impoñendo unhas condicións económicas e sociais inasumibles, porque todas van encamiñadas a precarizar as vidas, traballos e salarios dos máis débiles, da clase obreira. A estratexia do capital témola clara e sabemos para onde camiña, o que corresponde pola nosa banda, a dos traballadores e traballadoras, é articular medidas de resposta.Fixemos a folga xeral o 29 de setembro, desde ese día, no que a clase obreira galega deu unha lección aos sindicatos máis desclasados, non se fixo máis nada.O sindicato nacionalista de referencia segue coa súa teima de que a folga lla convoquen os sindicatos estatais, e nós pola nosa banda presionamos a todo bicho vivente para que o sindicato que pode, o que ten capacidade representativa mova ficha e actúe.Pensamos que esta incapacidade de resposta a inacción non debería pasar inadvertida ás bases máis activas de toda a órbita sindical galega.
Depende de nós, da nosa capacidade de acción que as medidas se apliquen ou non, temos que, como clase obreira, dar a batalla para que non paguemos as crises que a outra clase, a capitalista, crea coa súa voracidade.Non podemos ficar quedos agardando que a choiva de medidas antiobreiras que se albiscan no futuro máis próximo nos afoguen.Temos que parapetarnos, unha vez máis, detrás das medidas de presión, detrás das pancartas, cóbado a cóbado cos nosos compañeiros e compañeiras para, entre todos/as, darlles a resposta que se merecenNon podemos agardar máis. As traballadoras e traballadores galegas/os temos que actuar xa!. FAI FALTA XA OUTRA FOLGA XERAL!