Este xoves tivo lugar a sinatura dun acordo de mellora retributiva autonómica coa patronal galega de menores GAFIX por parte da CIG e CUT (que ostentan a representación de máis do 50% do persoal do sector) máis UXT e CCOO, que será trasladado ao convenio estatal co fin de que sexa de obrigado cumprimento por parte da administración galega, neste caso por Política Social da Xunta de Galiza. Grazas ao acordo asinado, o persoal traballador deste sector poderá cobrar un incremento salarial que se lles negaba ata o momento e comezar un camiño de negociacións nun marco galego de relacións laborais para seguir conseguindo novas melloras para o sector.
“Grazas ao acordo asinado, o persoal traballador deste sector poderá cobrar un incremento salarial que se lles negaba ata o momento e comezar un camiño de negociacións nun marco galego de relacións laborais para seguir conseguindo novas melloras para o sector.”
Prodúcese este acordo despois de intensas xornadas de loita na rúa e varias xuntanzas coa patronal galega. Foron precisas estas accións para eliminar as discriminacións e consecuencias do asinado en Madrid polo sindicato CCOO, que, xunto a UGT E FEUSO, decidiron abandonar a unidade de acción sindical no conflito que mantemos coa Consellería de Política Social para lograr melloras neste sector de menores, na discapacidade e en Infantil 0-3 (onde o sindicato SNEP ten representación e si participa da unidade sindical).

Este acordo é unha clara demostración de que camiñando xuntas e facendo sentir as nosas reivindicacións na rúa podemos conseguir obxectivos, e podemos facelo no ámbito onde se desenvolven as nosas relacións laborais -na Galiza- sentándonos e acordando propostas coas patronais e órganos da administración galega. Hai outras organizacións sindicais que prefiren mirar para outro lado e escusar a súa inacción en que os convenios non os negocian eles senón os seus representantes en Madrid. Virán agora a apuntarse un éxito que non é deles, mais a CIG e a CUT non van entrar en debates absurdos.
Nós imos seguir loitando por convenios dignos e xustos na nosa terra e defendendo os intereses das persoas traballadoras, aínda que iso signifique ter que pór remendos aos desastres que outras organizacións asinan en Madrid.












