A MESA SECTORIAL FAI OÍDOS XORDOS Á PETICIÓN DE AMPLIACIÓN DE PRAZAS

265

Esta mañá medio cento de docentes acudimos fronte ao EGAP para protestar durante a celebración da primeira mesa sectorial docente do ano. Alí o berro colectivo foi non aos despidos nin aos recortes do profesorado e a petición da ampliación da oferta de estabilización para dar saída a unha situación que leva xa 4 anos sobre a mesa de sindicatos e Xunta.

Pouco antes das 10.30 entraron á reunión o Director e Subdirector Xeral de Recursos Humanos, que torceron o xesto ante a vista do profesorado concentrado na porta.  Os representantes sindicais da Mesa evitaron a porta principal e pasar por diante daqueles que os chamamos ao noso carón nesta loita,  pero que prefiren evitar de forma deliberada.

As organizacións sindicais ofrecen xa nas webs resumos amplos dos puntos tratados na mesa, pero en ningún deles fan referencia aos recortes e despedimentos no inicio de curso e á posibilidade da ampliación da oferta de estabilización.

Parece ser que o grito colectivo do 11 de setembro en Compostela e na prensa non penetra os muros deste cónclave onde a tranquilidade, o amiguismo e o pactismo continuado coa Xunta é o camiño a transitar: NON MOLESTAR. 

Como é posible que no primeiro encontro de Xunta e sindicatos se obvie o que está a acontecer nos centros para falar exclusivamente de temas burocráticos? Como é que mentres eles falaban dentro non había na rúa, xunto ao profesorado despedido ou a piques de estalo, representantes sindicais protestando polo que está a acontecer no ensino galego? Tras unha revisión do falado, segundo os presentes no interior, dende a CUT só podemos dicir que o máis importante non se tratou: a ampliación das prazas.

Celebramos que si se tratasen asuntos que foron impugnados pola CUT na demanda presentada pola vía contencioso-administrativa como o dereito ao recoñecemento do tempo traballado para aquelas especialidades “pantasma” das que presentamos diferentes probas obxectivas: orientación primaria, prácticas e actividades ou fútbol entre outras.

Porén, esta medida non é efectiva sen unha ampliación de prazas nas especialidades ás que se reincorporan estes puntos no baremo, xa que pasarán a competir máis persoas por un número de prazas igual, a pesar de non terse contado ás prazas da especialidade na oferta, sendo de case 40 no caso de prácticas e actividades e de moitas máis no caso de orientación.

A Xunta pretende que queden fóra os de Servizos á Comunidade ou os de Prácticas e Actividades ou que se metan nun ring ata que se salve o mellor tras anos de traballo nas aulas?

A Xunta creou o problema e debe resolvelo con prazas suficientes para todas. No caso dos compañeiros de Fútbol e outras especialidades da Xunta nin sequera teñen lista de orixe na que ser puntuados.

Con respecto á convocatoria en si, xa se nos comunicara que tras a reunión de hoxe a convocatoria sería inminente e así parece dado que se marca o inicio da presentación dos méritos en 15 días. Aínda tendo pouco marxe de actuación aquí ao ser imposto o baremo xa dende o Ministerio (onde os 4 sindicatos da mesa teñen tamén representación), evitar a entrada de persoas doutros territorios e puntuar a formación vinculada en exclusiva á Consellería de Educación son medidas que non estiveron sobre a mesa.

Restrinxir os procesos era unha opción que se desbotou dende o primeiro momento a pesar de ter cobertura xurídica suficiente ante o TC tal e como marcou o informe do Consello de Estado publicado a raíz da da publicación da Lei 20/21 da que derivan os procesos.

Que non te enganen, de querelo os procesos serían restrinxidos ás traballadoras de cada  administración onde se celebran estes.

Hai un silencio a este respecto tácito por parte de todos os responsables educativos do estado que van facilitar un macroconcurso estatal de interinos dun territorio a outro en busca da súa estabilidade.

O número de prazas por especialidade presente en Canarias ou Andalucía, vai facer que centos de galegos presenten as súas solicitudes fóra do país ante a miserable e miserenta oferta galega, consentida por todos os que participan das negociacións e sen resistencia algunha para a Xunta. Porque todas sabemos que a Xunta non ten obriga de negociar no ámbito do funcionariado e por iso precisamente a acción de rúa e a presión social se volve imperante. Todas as organizacións saben que a mesa é un paripé no que se aceptan certas prebendas pero que nada cambia sen lume nas rúas.

A CUT vai seguir loitando por aqueles que van quedar fóra dos procesos e lembra a todas as afectadas que É IMPRESCINDIBLE PRESENTARSE AOS PROCESOS DE ESTABILIZACIÓN DE CONCURSO E CONCURSO-OPOSICIÓN. De non facelo, perderanse os dereitos a percibir a indeminzación que contempla a Lei 20/21, algo que nin tan sequera se contempla na convocatoria das probas.