A LIMPEZA TOMA A XERENCIA DA USC

93

Continúan as mobilizacións das traballadoras e traballadores do servizo de limpeza da USC contra a decisión do equipo reitoral da USC de proceder de maneira unilateral, no contexto dunha forte oposición, á rebaixa dun millón de euros na contrata da limpeza.

Esta mañá, ao redor de 60 traballadoras e traballadores do servizo de limpeza universitaria de Compostela, adscritas á empresa Clece, tomaron as instalacións da Xerencia da Universidade, entre consignas contra o recorte do presuposto asignado á contrata da limpeza e a reiterada petición de demisión do actual reitor Casares Long, un dos principais responsábeis da reorientación neoliberal da xestión desta institución.

A concentración comezou ás 10.30 horas diante das portas do Reitorado da USC, na praza do Obradoiro, e trasladouse ao interior das instalacións da Casa da Balconada, na rúa Nova compostelá, onde estaba previsto o desenvolvemento dun encontro de representantes do persoal laboral da USC e a xerenta Lourdes Batán. A representación colectiva do persoal laboral da Universidade mostrou durante esta mobilización, que se estendeu até as 13.00 horas, a súa solidariedade co cadro de persoal do servizo.

O Comité de Empresa, á frente da protesta, mostrou a súa satisfación coa resposta das traballadoras e traballadores en loita e significou a preocupación da representación colectiva pola involución dos dereitos democráticos dos traballadores e traballadoras nesta Universidade pública, referíndose á autorización reitoral á entrada da Policía Nacional no edificio, mermando máis aínda o principio de autonomía universitaria, que excluía a posibilidade de intervención das forzas da orde no espazo universitario.Apresentación do ERE.Pola súa banda, a empresa privada Clece SA que solicitou motu propio a prórroga voluntaria da contrata malia os importantes recortes que o reitorado lle comunicou informalmente, está a acelerar os trámites para a presentación dun Expediente de Regulación de Emprego, convocando á representación colectiva para unha xuntanza o vindeiro luns 13 de febrero. Un expediente de negociación que conta coa negativa unánime de todo o Comité de Empresa e das catro forzas sindicais representadas, entre as que a CUT está presente.