A LIMPEZA NA USC MOBILÍZASE EN LUGO

75

Preto de duascentas traballadoras e traballadores da limpeza da USC mobilizáronse a mañá do pasado venres ante a facultade da Politécnica, no Campus desta Universidade en San Froilán Lugo.
 
A concentración, á que acudiron compañeiras e compañeiros de ambos os dous Campus da Universidade, convocada nun acto de unidade sindical polos Comités de Empresa compostelán e lugués, logrou o seguimento da práctica totalidade das traballadoras e traballadores do servizo, que se amostraron decididas a seguiren unha ruta ben definida contra o ERE de redución dun 30% da xornada e soldo que a empresa Clece SA quere desenvolver en aplicación do recorte de máis dun millón de euros por parte da Universidade de Compostela.
 
Consignas como “somos traballadoras e non delincuentes” ante o amplo cerco policial, ou “non aos recortes na Universidade”, fixénronse sentir nun acto de celebración de Santo Tomé de Aquino, concorrido por diversas autoridades e no que xa o actual Reitor, Juan Casares Long, non se atreveu a utilizar o acceso principal para acceder ao salón de actos.