A intelixencia das limpadoras: rescatar o servizo público

341

Esta é unha historia que vén de longo, de cando o servizo de limpeza da USC estaba composto por persoal laboral propio. Logo veu a época privatizadora que se cebou coas de sempre (mulleres na súa maioría), responsábeis de deixar brillante sempre a Universidade. Con ela, anos de declive do convenio colectivo e loita pola equiparación.

A última concesionaria privada da limpeza da USC en Compostela foi CLECE S.A. As permanentes reunións mantidas co comité de empresa eran secuencias repetidas de ningún avance en melloras salariais e sociais. A última suba salarial con esta empresa foi no ano 2012. No ano 2013 a USC recorta bruscamente o presuposto para a licitación de limpeza, momento que aproveita CLECE para realizar un ERE que supuxo recortes como promoción de moitas xubilacións e prexubilacións sin reposición, mobilidade entre centros, non substitucións de baixas laborais, conxelación salarial,…. A CUT foi o único sindicato que mantivo a posición de non asinar dito ERE.

A finais do ano 2017 a xerencia da USC, propuxo dividir a licitación do servizo de limpeza en varios contratos —un para Lugo, outro para o Campus Sur de Compostela e un terceiro para o Campus Norte. É dicir, seguir coa privatización do servizo pero dividindo aínda máis o reparto entre empresas. Esta decisión implicaría un auténtico mazazo para as condicións laborais das traballadoras e un esfarelamento da representación sindical entre outras.  Coa baixada de beneficios das empresas, probablemente estaríamos diante de novos recortes e posibles EREs.

A CUT realizou unha campaña polo rescate da contrata https://cutgaliza.org/rescate-da-subcontrata-de-limpeza-da-usc-xa/ con cartelería propia por toda a universidade e buscando o apoio da comunidade estudantil. Trasladamos na asamblea xeral que as traballadoras de limpeza non pertencían a ningunha empresa privada senón que cos nosos impostos pagábamos as nóminas e aínda por riba, CLECE enchía o bolsillo empeorando as condicións laborais e desoíndo as xustas reenvidicacións das traballadoras.

“Foron moitos días de concentracións de todo tipo, recollida de sinaturas, reunións con xerencia, etc. O esforzo e a loita valeu a pena.”

Diante do escenario que suporía a división de lotes ( a excepción de algúns compañeiros/as que preferían a continuidade en empresas privadas ), a maioría foron todas a unha para reclamar o rescate da contrata con unidade de acción. Foron moitos días de concentracións de todo tipo, recollida de sinaturas, reunións con xerencia, etc.

O esforzo e a loita valeu a pena, xa que un tempo despois e co cambio de goberno na USC, esta decide internalizar o servizo por medio da Fundación USC 100% pública.

Abriuse un proceso negociador coa Fundación no que en menos de dous anos se acadou:

  • Unha suba salarial que ronda preto do 12%, repartido nas 15 pagas.
  • Creación dunha bolsa de emprego transparente e pública na que por fin garantízase unha estabilidade para todas esas traballadoras con contratos precarios vinculadas durante moitos anos coa USC.
  • Regulamento garantista na concesión dos 9 días ( + en función de antigüidade) de asuntos propios no ano.
  • Redución da xornada laboral a 36,5 horas semanais co compromiso de que nas próximas negociacións sexa unha realidade as 35 horas semanais, equiparándose ao persoal laboral.
  • Permiso dun día por falecemento dun familiar de 3º e 4º grado e reafirmación de permisos retribuídos sempre discutidos por CLECE.

Queda moito traballo por diante, como a substitución plena das traballadoras en IT, eliminación da carga de traballo nalgúns postos, complemento salarial para o persoal desprazado entre centros pero sobre todo, acadar que o persoal de limpeza volva a ser parte do persoal laboral da USC.

As compañeiras de limpeza da USC, son un exemplo de que con intelixencia e loita podemos erradicar a xestión privada nas administración públicas que utilizan o diñeiro dos nosos impostos para lucrarse recortando dereitos laborais.

Para a CUT defender os servizos públicos é tamén non deixar en mans do capital a traballadoras esenciais que fan posible que todos os días as administración de todos e todas funcionen. Dito doutro xeito, quen limpa o lixo forma parte esencial da comunidade pública das universidades, colexios, hospitais, limpeza viaria, administracións… do noso país.