A ILP pola regularización das persoas migrantes supera o seu obxectivo e recolle 700.000 sinaturas

85

No pasado 21 de decembro foron presentadas no Congreso dos Deputados unhas 700.000 sinaturas a favor da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) pola regularización extraordinaria das persoas migrantes en situación administrativa irregular no Estado español. Esta iniciativa foi promovida pola plataforma estatal ‘Esenciales’ e o movemento ‘#RegularizaciónYa’, conformándose un nodo galego que conseguiu unhas 20.000 sinaturas. A CUT colaborou nese proceso de recollida disponibilizando pregos de sinaturas en alguns dos seus locais sindicais.

O 22 de decembro o pleno do Concello de Santiago de Compostela aprobaba unha moción en apoio a esta ILP, sumándose a unha vintena de localidades entre as que se encontran Ferrol e Vilagarcía. Así, o traballo político desta campaña non se detén coa entrega das sinaturas e nestes seis meses previos ao debate da ILP no Congreso español o movemento terá que conseguir manter o debate social na rúa.

Outro dos froitos da campaña foi a rede de alianzas tecida, que na Galiza conseguiu desenvolver actividades como a xornada antirracista do último 12 de outubro. A campaña conlevou un forte proceso de autoorganización do tecido migrante e antirracista estatal. “Non poderíamos ter chegado ata aquí sen o compromiso e a entrega da nosa xente, que puxo o corpo nas rúas, festivais, festas populares, manifestacións, cultos, facultades e demais para recoller sinaturas e explicar a proposta que defendemos”, explica Mari Fidalgo, activista antirracista que participa na campaña pola regularización. “Sabemos o que queremos: dereitos, dignidade, xustiza social e reparación polo espolio colonial que se emprendeu e se sigue emprendendo contra os nosos territorios de orixe”,engade.

Falamos con Mari Fidalgo para entender a regularización das persoas migrantes como unha ferramenta de solidariedade de clase e para reflexionar sobre a aínda limitada conciencia antirracista nos movementos sociais e na esquerda galega.

Como foi a recepción desta iniciativa na Galiza desde os movementos sociais e de esquerdas?

A conciencia e práctica antirracista e contra as fronteiras na esquerda galega é incipiente. Queda moito traballo de formación por facer para comprender e rachar co racismo como un sistema estrutural que produce imaxinarios, discursos, prioridades e ausencias.

Foi inxente o traballo de artellamento que tivemos que realizar para involucrar diversos sectores sociais, dado que aquí o tecido antirracista e de loita migrante ten menor alcance que noutros territorios do Estado español.

Foi e segue a ser preciso moito traballo de concienciación, de diálogo, de pedagoxía (o que é esgotador e inxusto para persoas atravesadas por múltiples opresións e vulnerabilidades, como as persoas negras ou racializadas) para traballar de forma conxunta coa esquerda branca autóctona. Tamén rupturas. A cotío toca xestionar malestares e dores derivadas de agresións, sexan estas conscientes ou non. Crear formas diferentes e audaces de facer política e de exercer liderados.

Acredito que un dos elementos máis importantes foi colocar de fronte as liñas vermellas cando barallamos a colaboración das organización sociais e de esquerda brancas/autóctonas: rexeitamos o paternalismo, instrumentalización, usurpación, abusos de poder e a representatividade baleira. As organizacións e persoas cómplices/aliadas non están facendo un favor, están asumindo a responsabilidade que lles corresponde ao formar parte dun sistema que lles outorga uns privilexios en base á racialidade e procedencia. Non se trata de caridade senón de xustiza social.

Encontrastes resistencias, ou mesmo reaccións racistas, ao longo da campaña?

Tivemos que facer fronte ao racismo institucional durante todo o desenvolvemento da campaña. Este racismo deuse mediante diversas formas: identificacións policiais de activistas durante as recollidas de sinaturas, dificultades e mesmo denegación de permisos para colocación de postos e actos públicos en favor da ILP. E, como ponto máis crítico, a detención de dous compañeiros e a posterior deportación de Mohamed Said Badaoui mediante montaxes policiais de cariz islamofóbico. Os asasinatos impunes dunha vintena de persoas na valla de Melilla, recentemente a Fiscalía exculpou os axentes involucrados, dan mostras da violencia coa que opera a maquinaria racista.

Pode entenderse a campaña pola ILP como unha ferramenta para a solidariedade de clase?

A día de hoxe é a principal ferramenta para esa solidariedade pois na actualidade non é certo que sexamos a mesma clase obreira. As persoas migrantes, especialmente as persoas negras e racializadas, non contan coas mesmas oportunidades laborais que o groso da poboación. Unha traballadora ou traballador en situación irregular vive, ademais da explotación laboral, o medo de vivir unha identificación policial arbitraria, motivada pola súa cor de pel e aspecto físico, e que esta poida acabar coa detención nun Centro de Internamento de Estranxeiros, cunha deportación exprés ou cun expediente de expulsión que fará case imposible a súa regularización. E, polo tanto, acceder a dereitos fundamentais como poder ter un contrato e cotizar, alugar unha vivenda ou abrir unha conta nun banco.

Comprometerse para que estas persoas poidan ter a súa situación administrativa regularizada é unha tarefa urxente e unha responsabilidade que a clase traballadora non pode eludir.

Desde un sindicato como a CUT, como se pode acompañar esta loita pola regularización das persoas migrantes?

É preciso facer máis que encher pregos, que por suposto está moi ben e agradecemos. Acreditamos que poñer na axenda sindical as demandas que imos construíndo colectivamente como movemento antirracista e migrante é fundamental. Iso debería estar presente en Congresos, actos, documentos e na acción sindical diaria nas comarcas e nos centros de traballo. Recoñecer como válidas as iniciativas de autoorganización sindical que veñen desenvolvendo compañeiras e compañeiros na venda ambulante, traballo sexual, traballo agrícola e máis recentemente no emprego do fogar e dos coidados. Asumir esas experiencias como válidas e valiosas, recoñecendo a bagaxe de valores, formas de organización e de acción que poden achegar. Por suposto, participar nos actos e mobilizacións que se convoquen e volver amosar publicamente o compromiso coa campaña. Principalmente, asumir a necesidade de formación antirracista para cadros e base afiliativa para avanzar cara a un sindicalismo máis integral ou interseccional.

En paralelo á campaña, o Goberno español aprobaba modificacións na Lei de Estranxeiría. Que análise facedes desas modificacións?

Provoca bastante desconcerto e rabia que o Goberno desoia todo o processo de incidencia que se leva facendo desde 2020 e que no medio desta campaña o PSOE poña as pilas para levar adiante este regulamento de maneira acelerada e sen consultar o tecido migrante e antirracista organizado.

A reforma segue a mesma lóxica instrumental da poboación migrante que outros procedementos legais que desenvolveron o PSOE e o PP. Non se trata dunha medida cun formulamento de dereitos, senón que concibe as persoas migrantes como man de obra e mercadoría a empregar mentres a economía española o necesite. Ademais, esa reforma deixa fora as menores de idade, que estimamos que son un terzo da poboación migrante.

Outro elemento moi preocupante é que o goberno volta botar mao do mecanismo da migración circular, é dizer, dos contratos en orixe para cubrir as necesidades de empresas de setores específicos en temporada alta. É un modelo que se leva empregando no campo andaluz, e ten sido denunciada a situaçom das mulheres maroquinas que veñen traballar na recolección de froitos vermellos e que fican, unha vez as empresas cesan o seu contrato laboral, sometidas a todo tipo de abusos. Con isto, seguen a ser as grandes empresas as que teñen voz sobre como regular os fluxos migatorios. Ese tipo de política migratoria o único que xera é beneficio para as empresas e explotación e vulnerabilidade para as persoas traballadoras, e nomeadamente para as mulleres.

Por outra banda, na reforma non fica clara a dotación de recursos para levar adiante as xestións deses trámites que preve o regulamento, complicando aínda máis o acceso a citas en Estranxeiría que xa se encontran colapsadas pola incompetencia das autoridades.