Durante os últimos meses estamos sufrindo os máximos históricos no prezo da luz no Estado español, situación que repercute de maneira directa nas xa de por si precarizadas condicións de vida da clase traballadora ao ser un ben esencial para que as persoas poidamos vivir con dignidade.
A factura da luz inclúe tres conceptos:
- Peaxes (40%), determinados polo Goberno español para o mantemento da rede e o transporte da enerxía.
- Impostos (21%), o IVE imposto á electricidade, imposto á xeración eléctrica… e alugueiro de contadores.
- Prezo da enerxía (39%) que se determina en poxa e onde hai dous tipos de mercados: o mercado libre, onde se pauta o que se paga coa comercializadora, e o regulado, no que o prezo se define por poxa do OMIE (Operador de Mercado Ibérico da Enerxía).
O sistema enerxético é insostíbel e dependente dos combustíbeis fósiles. Hoxe en día, no Estado español só o 40% da produción eléctrica provén de fontes renovábeis e as enerxías fósiles, especificamente o gas natural, condicionan directamente o prezo da luz, posto que son as centrais de ciclo combinado as que se empregan para garantir o subministro. A suba dos prezos de gas natural e a suba do prezo de emisión de CO2 son os maiores factores que causan a suba do prezo da luz. Por se isto fose pouco, as grandes empresas eléctricas aproveitan a situación para maximizar beneficios de fontes de xeración máis baratas.
As empresas Iberdrola, Endesa, Naturgy, EDP e Repsol controlan máis do 80% do mercado das eléctricas, determinan o prezo da luz e trasladan os sobrecustos na factura. Estamos ante un mercado enerxético que funciona como un oligopolio con evidentes portas xiratorias entre a clase política e as eléctricas. Estas empresas ademais acumulan enormes beneficios económicos, como demostran os 1.394 millóns de euros que gañou Endesa no 2020, ou os 3.610,7 millóns de euros que acumulou Iberdrola. Non contentos con estes enormes beneficios, estas empresas recibirán cuantiosas partidas dos fondos europeos.
Ante tal estafa, as medidas propostas polo Goberno do Estado español, tal como a suspensión ou redución de impostos, non serven para frear a suba dos prezos e en vez de cuestionar a raíz do problema, aplican estas medidas financiadas con cartos públicos. Necesitamos propostas urxentes que desafíen este sistema inxusto, xa que sen medidas estruturais para deter a estafa é imposíbel afrontar este problema. Pensamos que nun sistema ecoloxicamente insostíbel e onde as eléctricas se enriquecen, a transición non pode estar en mans desas empresas. Por todo isto, desde a Federación Sindical Mundial das Nacións sen Estado propoñemos as seguintes medidas:
- Para que unha vez máis a suba do prezo da luz non a paguemos os e as traballadoras, demandamos limitar o aumento de prezos e garantir o subministro ás persoas en situación de vulnerabilidade.
- Desenvolver estratexias para afrontar a crise ecolóxica, propiedade e control público do sector enerxético, como por exemplo pode ser creando unha empresa pública, tal e como se fixo en diferentes países europeos.
- Avanzar cara á soberanía enerxética dos pobos.
Por todo isto, desde a Federación Sindical Mundial das Nacións sen Estado facemos un chamamento ao movemento sindical de clase a que denuncie a estafa no prezo da luz e a que se mobilice para denunciar esta situación. É urxente un cambio de modelo que poña a vida, o planeta e ás persoas no centro, e para iso é necesario acabar con este oligopolio que condena á miseria á clase traballadora mentres as elites económicas se enriquecen.