A folga do Clínico remata coa readmisión de todas as traballadoras despedidas

353

A empresa ILUNION, que vén de asumir a contrata da limpeza do CHUS, desafiou ao cadro de persoal despedindo varias traballadoras e abaratando as condicións de traballo. A unidade das traballadoras e a súa determinación coa convocatoria dunha folga rematou coa vitoria total do cadro de persoal, que recibiu con aplausos e emoción ás compañeiras readmitidas. 

A CUT defende hai anos o retorno ao público de servizos esenciais para a sanidade, como o de limpeza hospitalaria. Con esta consigna enfrontámonos á xestión privada e economicista deste servizo, por parte de contratas privadas, que poñen permanentemente en risco os servizos públicos e os dereitos das traballadoras e traballadores.

No Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela concorreu á contrata pública do servizo de limpeza unha UTE conformada por Illunion e o seu Centro Especial de Emprego. A súa incorporación ao servizo, con fame voraz de maior beneficio empresarial, levounos a despedir a 8 compañeiras e compañeiros fixas e 24 eventuais, coa escusa do sobredimensionamento do cadro de persoal, e a tentar voar polos aires o convenio colectivo.

ILUNION atopou de fronte a un cadro de persoal sindicalmente maduro, cunha historia de loita que as levou a mellorar as condicións laborais con folgas extensas, e que non quixo permitir a precarización nin estaba disposto a soportar o desfile de compañeiras despedidas. Malia as dificultades, cunha UGT disposta a rebentar a folga e que se conformaba coa readmisión das súas afiliadas, e cunhas CCOO pasivas dispostas a tombar o conflito, unha asemblea masiva e emocionante referendou a folga defendida pola representación cunha maioría esmagadora do si. Un si rotundo á loita, á forza e á unión de todas, un si por un sindicalismo de clase que lle faga fronte a empresas que poñen o beneficio empresarial por riba da calidade dos servizos públicos.

Esta foto sentou de maneira inmediata á empresa a unha negociación na que tivo que aceptar a readmisión de todas as compañeiras. Unha batalla que non acaba aquí, posto que o Centro Especial de Emprego se incorpora coa vontade non de integrar a ninguén, senón de abaratar custes de man de obra, a conta de deixar na rúa ás eventuais. A asemblea de peche, que referendou unanimemente o acordo de fin de folga, fixo un chamado a manterse alerta, en defensa da Bolsa de Traballo de traballadoras temporais, acordo que se debe alcanzar antes do 19 de febreiro.

Esta loita non era só polas condicións laborais ou polos despedimentos, esta folga era moito máis. Era plantar cara e poñer en valor un servizo público, era loitar para que calquera persoa poida acceder ás instalacións hospitalarias coas garantías de salubridade e de limpeza que, sobre todo neste momento, son tan importantes. Esta folga era para dicir que a sanidade non se pode permitir prescindir de limpezas especiais, dos reforzos nin de ningunha compañeiras ou compañeiro. Porque este acordo non mellora as condicións laborais das traballadoras do Clínico, se non que permite que este servizo esencial se siga prestando con garantías para toda a cidadanía. Así que esta é, en realidade, a historia dunhas traballadoras que loitaron por todas e todos nós.