Unha nova convocatoria de folga volve situar o profesorado galego no plano da acción como vía para acadar melloras nas nosas condicións laborais e na calidade do ensino público. Desta volta, o sindicato maioritario e o de traballadores do ensino, convoca unha folga os días 16 e 17 de decembro coincidindo, parcialmente, coas xornadas de avaliación que nesa semana terán lugar na maioría de centros educativos.
Igual que moitos docentes nas últimas semanas e meses, na CUT reivindicamos convocatorias máis sólidas, máis traballadas, mellor artelladas e máis debatidas. A demanda, consideramos que xeral, de diálogo e planificación ten que ver con sacarlle o máximo partido á mobilización do profesorado e acadar que as folgas teñan o maior
impacto posíbel porque cando se fala de ensino é moito o que está en xogo para toda a sociedade, non só para os docentes e, dende logo, non só para as afiliadas dun ou outro sindicato.
Porén, atopamos unha convocatoria que sorprende pola súa indefinición e pola súa debilidade. Cando se fai folga durante as avaliacións é, precisamente, para afectar as avaliacións. Sospeitamos que as datas escollidas e a pouca información facilitada ao profesorado, por exemplo, á hora de xestionar as notas do alumnado, poden diluír o impacto da folga.
Esta folga, de só dous días, deixa fóra o profesorado que quixera sumarse á folga durante a avaliación para aumentar así o impacto da protesta, pero que non ten reunións de avaliacións nin o 16 nin o 17 de decembro. Unha vez máis, tería sido posíbel atopar alternativas a esta situación se non se cometese o erro de negar o diálogo previo.
Non cremos nunha folga que se convoca tirando a pedra e escondendo a man. Trátase dunha folga que deixa as docentes con moitas dúbidas e poucas certezas. Todo causado pola incomprensíbel arbitrariedade e unilateralidade coa que foron seleccionados os días 16 e 17 e pola escasa e confusa información que se deu por parte
dos sindicatos convocantes para amparar a quen facendo folga os días de avaliación queira elevar a presión e non subir as notas ao XADE. O noso apoio vai para o colectivo docente que está a rebelarse contra as políticas destrutivas da Consellaría. O noso apoio non vai para os sindicatos que non dialogan e que banalizan o valor das folgas cunha frivolidade que produce rubor.
Por este motivo, e para paliar algunhas das carencias desta convocatoria de folga, a CUT ofrécese para responder as dúbidas das docentes e difunde entre as afiliadas un texto informativo ao respecto. Agardamos tamén que en breve este texto se espalle e chegue a todo o colectivo.
Xunto a isto, queremos recoñecer que a forza do colectivo docente está a conseguir que cambien certas cousas nas dinámicas sindicais. Pouco a pouco, a palabra “unidade” foise abrindo oco nos comunicados de todos os sindicatos, así coma o propósito de “darlle voz e protagonismo ao profesorado”. Desexamos que estas palabras non queden nun discurso baleiro e que sexamos consecuentes con elas posto que as reivindicacións de calquera tipo son un camiño que debemos percorrer xuntas independentemente das nosas posturas, idearios, prioridades ou medios. A unidade da que tanto se leva falado este curso demóstrase con feitos e non con lemas ou escusas.
A CUT ofreceu tanto publicamente coma en comunicacións privadas, atopar vías para acadar unha unión real que repercutise nas melloras de todo o colectivo docente.
Respectamos a hexemonía do sindicato maioritario, a súa infraestrutura material e de
persoal, pero queremos dicir que ata agora non recibimos resposta ningunha aos nosos ofrecementos de colaboración nin por parte da CIG nin do STEG. E as nosas peticións buscaban unicamente algo tan sinxelo coma sentar e falar. Sen máis. Somos plenamente conscientes do noso carácter minoritario e de que non estamos subvencionados, non dispomos tampouco de persoal liberado e que o
pouco que podemos facer facémolo co esforzo altruísta e desinteresado de docentes que non se dedican profesionalmente á actividade sindical.
Por último, gustaríanos mostrar as nosas esperanzas e apoio ás asembleas de profesorado que con carácter independente están xurdindo polo país. Poñémonos ao seu dispor e animamos a calquera docente a sumarse a elas para mellorar o ensino público galego recuperando a voz das bases. Como dixemos, a sociedade estase a xogar moito.
Coordinadora nacional da CUT Ensinoguia da folga_breve_25 dec











