Orixe e evolución dos CEE
A figura do centro especial de emprego creouse no ámbito asociativo a mediados dos anos oitenta e non deu o salto ao laboral ata a reforma que se estableceu no 2007 para o cumprimento alternativo e con carácter excepcional da cota de reserva que teñen as empresas.
Os CEE creáronse para poder remunerar as actividades que desenvolven as persoas con dificultades de inserción nos distintos obradoiros e que non se encadran dentro do marco produtivo. Para que isto fose viable, era preciso que o Estado bonificase as cotas á seguridade social desas persoas e dese unha axuda para o custo salarial. Ata aquí a iniciativa era perfecta: as persoas que eran excluídas do mercado de traballo podían desenvolver unha actividade produtiva cun seguro e un salario e tiñan un convenio propio que lles recoñecía dereitos e regulaba esa relación laboral de carácter especial.
Co paso do tempo fomos avanzando e establecéronse medidas de inclusión no mercado ordinario de traballo como a cota de reserva do 2% para persoas con diversidade funcional ou en risco de exclusión social. Como a maioría das empresas non daba cumprimento a este requisito, o goberno -despois dunha campaña de control-, decidiu quitarlle rixidez a esta norma e estabeleceu outro sistema. Como altenativa ao cumprimento desa cota, con carácter excepcional e sempre que a empresa non poida cubrir a cota de reserva por non atopar persoal axeitado para o posto, pódense contratar servizos cun centro especial de emprego. Isto fomentou a figura do centro especial de emprego no marco produtivo ordinario.
Agora ben, para poder acceder ás medidas de carácter excepcional a empresa debe demostrar que non pode cubrir con persoal propio a cota do 2% ofertando o posto a través do sistema público de emprego ou, simplemente, cando acrediten a existencia de razóns organizativas, produtivas, técnicas ou económicas que dificulten seriamente a incorporación de persoas con discapacidade aos seus cadros de persoal. Despois disto emítese un certificado de excepcionalidade que ten unha duración de tres anos.
Hai empresas que provocan a obtención do certificado de excepcionalidade colgando ofertas con requisitos de formación moi concretos que só poden ser cubertas por persoas con coñecementos moi específicos (ex.: enxeñería + curso específico + idioma concreto). Outras, a gran maioría, acoden á contratación de CEEs directamente, sen solicitar o certificado de excepcionalidade e vendéndoo como un tema de responsabilidade social corporativa. Normalmente subcontratan os servizos de limpeza, xardinaría ou conserxaría e non os que teñen que ver coa actividade propia da empresa, apartando ás persoas con diversidades funcionais a postos pouco cualificados.
Esta fórmula faise cada vez máis habitual e as gandes empresas de servizos souberon aproveitalo para crear CEEs afíns ao seu grupo empresarial. O CEE sae do tecido asociativo e espállase no mundo da empresa. ETTs como Nortempo crean Norintegra, empresas como Clece crean Integra, Eulen crea o seu CEE afín, etc., e espállase o modelo, precarizando as condicións de cada sector cun convenio propio que non estaba pensado para o mercado produtivo e fixaba o salario no SMI.
De súpeto, moitas persoas cun certificado de discapacidade que viñamos de traballar no mercado ordinario fomos contratadas a través de CEEs. No caso do sector da limpeza, cando o salario estaba arredor dos mil euros, fomos contratadas por CEEs que o fixaban en seiscentos e pico, co agravante de que o traballo na limpeza é, na meirande pate dos casos, a tempo parcial. Despois da crise do 2008, cando a suposta recuperación económica, tivemos unha tremenda perda de poder adquisitivo e un recorte de condicións laborais. Pasamos do emprego ordinario ao emprego protexido.
Situación actual
Baixo o paraugas dun infraconvenio válido para calquera actividade laboral e percibindo axudas fiscais e subvencións públicas, os CEEs comezan a introducirse en sectores como a limpeza e a xardinaría tirando os prezos e a condicións laborais literalmente polo chan.
Este convenio galego (último 2020) é asinado pola patronal dos CEE na Galiza, CEGASAL, e, en representación das traballadoras, pola Federación de empregados de Servizos Públicos da UGT (FeSP UGT) e a federación de “ensinanza” de CC.OO., sindicatos que pactan unhas condicións do mínimo permitido polo Estatuto dos Traballadores (con algunha pinga de maquillaxe) para os postos menos cualificados, onde están maioritariamente as empregadas con diversidades funcionais, a cambio de blindar algúns privilexios para mandos intermedios. A negociación foi levada con gran secretismo, tanto que semella que non houbo tal negociación e os sindicatos se limitaron a asinar a proposta da patronal.
Deste xeito moitas profesionais somos presas dunhas condicións laborais pésimas. O que para un sector no mercado ordinario se considera explotación, no ámbito dos CEEs é a legalidade vixente: salario mínimo, negación expresa do dereito a percebir complementos salariais propios da nosa profesión, xornadas laborais máis longas, períodos de descanso máis curtos… incluso penaliza economicamente o absentismo nun colectivo no que, polas súas características, pode haber traballadoras que precisen ausentarse por motivos médicos. En definitiva, convertémonos en traballadoras low cost, séndonos negado o noso dereito a sermos recoñecidas pola nosa capacidade profesional.
Porén, estas empresas, lonxe de cumprir un labor integrador, discriminan e penalizan as diversidades funcionais. A función do CEE é servir de marco para capacitar ás persoas con dificultades de inclusión e ser un trampolín para o paso ao mercado ordinario de traballo, e o que están a facer é xustamente o contrario.
Nas entrevistas de traballo vulnérase a dignidade das persoas e tratan de obter toda a información posible sobre o tipo de discapacidade e as posibles limitacións que poida haber para o desempeño das funcións. A intención non é a de adaptar os postos de traballo ás persoas con dificultades, tal e como establece a lexislación en materia de prevención de riscos, senón seleccionar persoas que se adapten ás necesidades da empresa. Sempre valoran a experiencia ou requiren un mínimo, polo que non están a cumprir a súa función de inclusión das persoas con verdadeiras dificultades. As persoas que son rexeitadas polo mercado laboral seguen a quedar fóra, e as que podemos traballar no mercado ordinario somos trasladadas ó mercado mal chamado protexido. Tampouco as compañeiras que teñen algún tipo de limitación reciben apoio ou teñen o seu posto adaptado.
Por outra banda está a creación de CEEs afíns a grupos empresariais que existían previamente co único obxecto de obter bonificacións nas cotas á seguridade social e ao custo salarial, saltarse o convenio do sector en cuestión para obter maior beneficio e obter adxudicacións de contratas xustificando ofertas anormalmente baixas. Con este método fixeron unha competencia voraz en sectores como a limpeza ou a seguridade.
Así, a precarización chega máis aló das portas dun CEE, posto que os baixos custos salariais, unidos ás axudas públicas, permiten que estes centros poidan ofrecer servizos a prezos sen competencia, forzando ás empresas convencionais a competir baixando prezos temerariamente, o que leva a incumprir o convenio do sector para evitar perdas económicas. Isto remata na precarización progresiva de sectores onde entran en xogo os CEEs, principalmente limpeza de interiores, limpeza viaria e xardinaría.
Cada vez son máis as empresas que externalizan servizos con CEEs para non cumprir coa taxa do 2% e crear unha falsa imaxe de responsabilidade social corporativa. Cada vez son máis os pregos reservados para a adxudicación a este tipo de empresas ou que puntúan máis as ofertas presentadas por elas como cláusula social. Resulta moi complicado desmontar este discurso, facer ver que está manipulado e non é máis ca outro xeito de precarización.
Neste punto teñen gran culpa as adminstracións públicas, principalmente concellos, que conseguen cubrir servizos a prezos moi baixos e ademais delegan competencias de inserción laboral, inclusión de colectivos vulnerabilizados, cursos de competencias clave para as traballadoras, etc. Servizos que na maioría de casos non se cumpren ou cúmprense deficientemente, ante a pasividade da administración que semella que contempla estes servizos sociais máis como un problema que como o que é: a súa responsabilidade.
Dende a Central Unitaria de Traballadoras consideramos que é necesario visibilizar estas situacións e loitar contra a precariedade e a discriminación que agochan este tipo de fórmulas, por iso imos dar comezo a unha campaña informativa e de acción sindical contra os CEEs, emprazando á administración a revisar este modelo de integración laboral fracasado de antemán, que só deriva en máis discriminación e, por suposto, esiximos a anulación do actual convenio para tomar como referencia o convenio sectorial de cada profesión, ampliado con melloras encamiñadas á inclusión real e á estabilidade laboral.