Primeiro día de folga na auxiliar do automóbil GESTAMP para combater 3 despedimentos. “Non hai precedentes dunha folga nesta fábrica, se a empresa non negocia en dous días podería parar a cadea de Citroën”.

Antón Bendaña (Ribeira, 1969) leva dende os 16 anos traballando, a cabalo entre o naval e a automoción. Logo do seu paso por empresas do automóbil como Citroën ou Dalphi recalou hai 17 anos en GESTAMP, na fábrica do Porriño, onde dende hai dúas semanas é delegado da CUT. Conversa connosco a pé dunha folga convocada por razón de catro despedimentos arbitrarios, e que está hoxe na súa primeira xornada cun seguimento do 100%.

Cando comezas a traballar en GESTAMP ?

Entro en GESTAMP cando abre a fábrica do Porriño, no 2000. Daquela traballaba como xefe de equipo, cargo que exercín durante seis anos ata que me propoñen unha liberación na CIG. Ao reincorporarme ao traballo deixo o cargo de responsabilidade, nunca me agradara demasiado, canto máis arriba estás as cousas vólvense raras, empezan a darche toques, a pedirche que evites falar cos compañeiros e compañeiras. Deixo a responsabilidade, os meus amigos e amigas non mos elixe a empresa, elíxoos eu.

Sendo como foches membro da Executiva Nacional da CIG-Metal, como acabas na CUT?

Nun momento dado vemos que a Direccion Nacional da CIG non está indo por bo camiño. Moléstanos a forma de facer sindicalismo que teñen. Non é efectiva. Un sindicalismo apoltronado, de despacho, que, por dicilo dalgunha maneira, non baixa á taberna. Cando unha Dirección non vai polo bo camiño os camiños da executiva e das bases bifúrcanse. O sindicato deixa de ser un sindicato. Nós non podiamos quedar alí.

Facía falta mudar a dinámica sindical na empresa, esta empresa ten 30 anos e nunca se fixo unha folga, aínda que houbo moitas ameazas e tentativas frustradas. Acabar con esta situación era o esencial cando nos organizamos na CUT

Como nace a candidatura da CUT en GESTAMP?

Isto leva unha deriva inasumible dende hai seis anos para aqui. Os sindicatos que participaban nese momento do Comité eran CIG, UGT e CCOO. Hai tres anos despedíronse a 25 compañeiros e compañeiras e estes sindicatos asinaron o acordo, con falsas promesas que aumento de traballo. Roubáronnos a paga de IMC (unha especie de paga de beneficios), as condicións de traballo volvéronse pésimas e tampouco pasou nada. Facía falta mudar a dinámica sindical na empresa, esta empresa ten 30 anos e nunca se fixo unha folga, aínda que houbo moitas ameazas e tentativas frustradas. O esencial cando nos organizamos na CUT era atallar isto: temos que empezar a tomar consciencia , ou muda a dinámica sindical ou continuará habendo despidos e empeoramento nas condicións laborais.

Sodes 2 delegados de 13. Como ides enfocar o traballo como central minoritaria?

O primeiro é concienciar. Non hai conciencia sindical, non estamos acostumados e acostumadas a pelexar. A xente rendíase. O noso primeiro obxectivo é educar sindicalmente, se se pode dicir así. Cando se pelexan ou se fan cousas obtéñense vitorias. Somos minoritarios, pero queda moito por facer, informando de todo, contando co cadro de persoal, sendo plurais, non adoptando ningunha decisión sen contar co persoal. Non pretendemos repetir o que había antes, coa CIG en maioría absoluta facíanse as cousas polas bravas. Asináronse convenios sen consultar ao persoal, non se facían asembleas.

Dende que chegamos, hai menos dun mes, parece que xa empezan a cambiar as cousas. A empresa vendeu que iamos chegar cun kalashnikov e empezar a matar xefes, e a xente veu que non era así. Ven que somos dous delegados e un delegado sindical e no temos rabo nin cornos. Estamos dispostos ao diálogo antes do que nada, pero iso si, dialogo si pero ten que ter un fin, non podes estar dialogando eternamente.

Con todo valoramos os resultados moi positivamente. Fomos a terceira forza en taller, a oito votos da primeira forza. Isto é nha vitoria en toda a regra, un claro apoio do persoal. E iso que a campaña contra a nosa candidatura da empresa foi dura e sucia. A xente quere vidiña, quere mudar as condicións.

GESTAMP está inserta nunha política de recortes. Que implicacións ten para vós?

A nosa empresa adícase a facer Grande Estampación e Gran Ensamblado. Toquélase a chapa en bovinas para facer portas, capós. Fanse eixos traseiros de automóbiles… Para que te fagas unha idea traballamos con pezas a partir de 15/20 kg. Traballamos para empresas como Citroën, Nisan, Volkswagen… E aplícasenos a política de recortes do sector da automoción.

É unha política servera, durísima. Por unha parte atácase o salario, cunha conxelación dende hai cinco anos, o que na práctica é unha baixada. E despois o emprego, con constantes reducións de plantilla. Redúcese constantemente persoal, cun goteo de despedimentos e unha política de baixas incentivadas pola empresa, a través do pagamento de indemnizacións. Polo tanto, o problema non é o diñeiro, é desabastecer a planta de persoal. Queren acometer unha reestruturación da planta, deixar a planta en mínimos, cubrir os picos de produción coa eventualidade e a través de ETT, que polo dagora non entran aquí.

O noso primeiro obxectivo é educar sindicalmente, se se pode dicir así. Cando se pelexan ou se fan cousas obtéñense vitorias.

Oito días despois das eleccións vivides os primeiros despedimentos da lexislatura…

Si, tres compañeiros e unha compañeira. Queren empezar coa reestruturación da planta, sóbralles xente. Levamos moitos anos vivindo despedimentos sen oposición do cadro de persoal, algúns deles mesmo con acordos da representación sindical CIG-CCOO. E isto a pesares de que a empresa incumpriu todos os compromisos. Entre eles que ata o 2021 non se podia despedir a ninguen excepto por motivos disciplinarios. E xa ves, cunhas cartas de despedimento disciplinario inventadas lévanse por diante a compañeiros e compañeiras que levan entre 8 e 16 anos na empresa.

Levamos moitos anos vivindo despedimentos sen oposición do cadro de persoal, algúns deles mesmo con acordos da representación sindical CIG-CCOO. E isto a pesares de que a empresa incumpriu todos os compromisos.

E decidides ir á folga.

A folga organízase ao dia seguinte. Intentamos que todo o Comité mantivera unha resposta unitaria. Na reunión decidimos asembleas en todos os turnos e o dia 21 celebrámolas nas quendas de mañá, tarde e noite. O Comité propuxo a folga e foi amplamente referendada. A primeira semana será un paro de 4 horas, a segunda de 6 horas. Pero se isto non se amaña na terceira semana imos á folga indefinida na totalidade do horario. A resposta da plantilla (menos nas oficinas, claro) está a ser maioritaria. Teño agora mesmo diante miña unha foto histórica: a totalidade do turno de mañá en paro. O 100% do taller. Está a fábrica parada. Esta é a primeira folga dende a apertura da nave e está a ser un éxito. Ou hai readmisión ou isto non para.

A empresa semella que xa deu un paso atrás.

Si, produciuse a primeira readmisión. Debido á presión e a que a empresa sabía que esta vez si que había unha posta forte por parar. Negáronse ao diálogo, creo que pensaban que ía ser outra convocatoria frustrada, da que nos botáramos atrás. Recibíronna con cara de extrañeza. É a primeira vez que sae á porta. Igual que a nós nos falta dinamica de combate á empresa esta folga colleunos co pé cambiado. Eles tamén teñen que acostumarse ás dinámicas dos conflitos obreiros.

Teño agora mesmo diante miña unha foto histórica: a totalidade do turno de mañá en paro. O 100% do taller.

Nós témolo claro, se non subministramos, a planta de Citroën pode parar a partires do día catro deste mes. Sen os eixos ou os capós non poden seguir montándose coches. A cadea de Citroën podería parar. A quen lle toca mover ficha agora é á empresa.