O sindicato rexistrou hoxe escrito instando ao Tribunal a resolver con carácter urxente o seu recurso de súplica contra o Auto que confirmou a prohibición da súa manifestación, denunciando que se está xenerando un clima de inseguridade xurídica grave.
A división do propio Tribunal Constitucional, o seu silencio e o unánime cuestionamento social da súa resolución están a provocar estouridos focalizados que poñen en auténtico risco a saúde pública.
O 2 de maio de 2020, só dous días despois de que a Sala Primeira do Tribunal Constitucional dictase o seu auto de 30 de abril de 2020 confirmando a prohibición da súa manifestación do 1 de maio nas rúas de Vigo co gallo do Día Internacional da Clase Obreira, a Central Unitaria de Traballadoras presentou un recurso de súplica contra a resolución do Tribunal, solicitando a reconsideración do fallo debido a diversos e graves defectos formais que desampararon a súa solicitude e pedindo que o asunto se someta ao Pleno do organismo ante a pública e notoria división do Tribunal. En opinión deste sindicato, non cabe que o Constitucional evada un pronunciamento sobre o fondo cando existe un debate de tal intensidade en toda a sociedade que xira xustamente sobre o exercicio de dereito fundamental de manifestación nos tempos da COVID-19.
non cabe que o Constitucional evada un pronunciamento sobre o fondo cando existe un debate de tal intensidade en toda a sociedade que xira xustamente sobre o exercicio de dereito fundamental de manifestación nos tempos da COVID-19.
A pesar de que o artigo 97 da Lei Orgánica do Tribunal Constitucional establece un prazo brevísimo para resolver tal recurso (con tan só tres días de traslado ás outras partes para que presenten alegacións e dous días máis para resolver de maneira definitiva), o Tribunal leva dúas semanas demorando a súa admisión a trámite, evadindo dar conta de dito recurso á Fiscalía e á Avogacía do Estado para que emitan os seus informes sobre el. Isto retrasará máis aínda a resolución definitiva sobre o recurso e, polo tanto, a posibilidade deste sindicato de acudir ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, decisión que xa foi anunciada.
Para a CUT a relevancia social da controversia que se somete ao Tribunal é clara e non cabe que se perpetúe o seu silencio, xa que tal actitude de dilación só provoca maiores doses de inseguridade xurídica e deixa ás traballadoras orfas de amparo por parte da xurisdición constitucional. Polo de agora, o Goberno xa aproveitou ese pronunciamento para fundamentar con el a súa solicitude de prórroga do estado de alarma ao Congreso dos Deputados de 5 de maio de 2020 e o Tribunal Superior de Xustiza de Extremadura fixo o propio ao prohibir con base neste Auto a manifestación dos colectivos extremeños de loita contra a pobreza e a precariedade.
As consecuencias desa inseguridade xurídica comezan a sentirse nas rúas, nas que o espazo da ultradereita, inimiga histórica dos dereitos civís e políticos, está a utilizar de maneira oportunista e electoralista este debate, creando un desafío serio e real para a saúde pública
As consecuencias desa inseguridade xurídica comezan a sentirse nas rúas, nas que o espazo da ultradereita, inimiga histórica dos dereitos civís e políticos, está a utilizar de maneira oportunista e electoralista este debate, creando un desafío serio e real para a saúde pública, alentando tumultos irresponsables no contexto da COVID-19. Trátase xustamente da parodia do dereito de manifestación que combateu a CUT cando propuxo para a súa caravana-protesta o cumprimento de todas as medidas de seguridade e hixiénicas aconselladas polos expertos e expertas sanitarias.
Mentres as institucións que deberan velar polos dereitos democráticos sigan a darlle as costas á clase traballadora, impedíndolle exercer os seus dereitos lexítimos e vetando a súa voz na súa batalla cotiá pola dignidade e os intereses propios, e mentres permitan que perviva o estado de excepción de facto proclamado polo Ministerio do Interior, estarán a darlle azas á extrema dereita para as súas performances populistas. Polo de agora parece que as institucións queren reservar o dereito de mobilización para que as ricas e os ricos aseguren con vociferío mediático a nosa explotación.