A CUT traslada ao grupo parlamentario do PSdeG a ILP para dar solución á fraude e á temporalidade na administración galega

508

Representantes da área de Emprego Público da Central Unitaria de Traballadoras reuníronse cos membros do grupo parlamentario socialista Paloma Castro e Aitor Bouza, para presentarlle a Iniciativa Lexislativa Popular rexistrada o pasado 22 de febreiro por este sindicato, que pretende dar unha solución global ao problema da fraude de lei e a temporalidade na administración pública galega.

A ILP pide que se estableza un mecanismo excepcional de consolidación do emprego a través dun concurso de méritos para todos os postos en fraude de lei ou ocupados con contratos temporais dende hai máis de tres anos, a paralización dos procesos de estabilización en marcha e artellar mecanismos sancionadores para os xestores que provoquen futuras fraudes de lei na administración galega.

Os representantes do PSdeG-PSOE afirmaron coñecer en detalle a problemática, con moitas casuísticas diferentes ao seu ententer, e instaron a buscar unha solución dende o ámbito estatal que logo se aplique en Galicia. Discordan na petición da paralización dos procesos de estabilización xa convocados, segundo eles por seren procesos acordados cos sindicatos maioritarios e dar posibilidades de acceso ao emprego público a quen nunca traballou na administración, e apuntan que a posible solución podería vir da man da figura de “persoal a extinguir” e da reforma do EBEP.

As representantes da CUT trasladáronlle que o concurso de méritos lle parece unha vía máis garantista tanto para consolidar as prazas sen establecer diferenzas de dereitos cos funcionarios como para garantir a cobertura futura desas prazas, sen que merme o servizo público, á espera de que a figura de persoal a extinguir se defina para ter unha posición firme sobre esa posible solución.

Dende a CUT insistimos en que as traballadoras non poden asumir as consecuencias da non convocatoria de prazas durante anos por parte da administración e que deben adoptarse solucións para todas as casuísticas de fraude de lei e temporalidade, e tamén contar con procesos para o acceso de quen nunca traballou na administración para garantir un servizo público con todo o persoal preciso e sen cesamentos pola convocatoria de ofertas de emprego insuficientes.