A CUT súmase a LAB  contra a criminalización da acción sindical feminista

129

A Central Unitaria de Traballadoras (CUT) denuncia a detención de seis sindicalistas de LAB, efectuada o pasado mércores pola Policía Nacional en Nafarroa, pola súa participación nas accións do 8 de marzo ante a Confederación de Empresarios de Navarra (CEN) e un acto de protesta realizado o 9 de abril sobre un camión da empresa ISN ante o bloqueo das negociacións no convenio do sector das limpezas. Ambas accións están encadradas na acción sindical feminista e na loita polos dereitos das mulleres traballadoras.

Dende a Secretaría das Mulleres da CUT sinalan que “o feminismo combativo e as mulleres sindicalistas camiñamos firmes e xuntas, e estamos dispostas a facer fronte a calquera operativo que trate de frear a conquista de dereitos das mulleres traballadoras”.  “Continuaremos a defender os dereitos das máis precarias”, sinalan, “porque somos nós, as da dermatite nas mans e problemas de respiración após anos traballando con lixivia, as das costas fundidas, as da ciática, as da ansiedade, as das duplas e triplas xornadas laborais, as da xestión emocional forzada até a depresión crónica, somos nós as violentadas por este sistema capitalista, patriarcal e colonialista e usaremos a nosa rabia e combatividade para enfrontarnos ao patrón”. Solidariedade, loita obreira e acción feminista!