Onte, martes 1 de xuño, a CUT presentou por rexistro nos edificios administrativos da Xunta de Galiza un escrito solicitando unha reunión co Director Xeral de Función Pública, José María Barreiro Díaz, dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública.
O motivo da reunión é a toma en consideración do texto da Iniciativa Lexislativa Popular que CUT está a promover para darlle unha solución digna ás miles de traballadoras temporais da administración pública.
Esta acción vén motivada pola desatención das diversas peticións de reunión realizadas aos responsables das Consellerías de Educación, Política Social e outras, causantes da situación de precariedade das traballadoras temporais. Non houbo resposta.
Esperamos que nesta ocasión o Director Xeral de Función Pública asuma a súa responsabilidade como xestor do público e decida reunirse con esta central sindical para poder achegar as nosas propostas e buscar unha saída digna a tantas persoas que levan anos deixando a saúde como traballadoras duns servizos públicos abandonados e mantidos tan só polo esforzo e vontade das súas traballadoras.
A solución desta situación de desleixo non é outra que a consolidación das empregadas públicas nos seus postos de traballo para poder obter estabilidade laboral e contribuír á mellora da calidade dos servizos públicos. Mais sabemos que a vontade da Xunta de Galiza é manter a temporalidade para poder recortar sen problemas, cunha lóxica empresarial neoliberal propia das peores estratexias do sector privado. Unha lóxica que choca frontalmente coa existencia duns servizos públicos de calidade que non se miden en termos de beneficios ou rendibilidade económica senón pola súa utilidade social.
A CUT proseguirá na súa campaña de recollida de sinaturas para lograr que a Iniciativa Lexislativa Popular sexa valorada polo poder lexislativo de Galiza de forma que este demostre se está á altura das circunstancias ou vai seguir eludindo a súa responsabilidade á hora de proporcionar condicións de traballo dignas ás traballadoras públicas e servizos públicos de calidade ao pobo de Galiza.