A CUT secundará a folga no sector da conserva

318

O pasado 28 de decembro as centrais sindicais UGT, CCOO e CIG acordaron a posta en marcha dunha serie de mobilizacións dentro do marco da negociación do Convenio Colectivo Estatal de Conservas de Pescado. Estas mobilizacións inclúen folga de xornada completa os días 21 de xaneiro, 3 de febreiro e 4 de febreiro.

A CUT non forma parte desta mesa negociadora e defende, como sempre o fixo, que o marco de negociación sexa galego e non estatal, pois somos nós as que entendemos deste traballo, as que facemos este traballo e as que temos que negociar os convenios. Nada se nos perde en Madrid. Nós, como sindicato galego de clase, reclamamos que a negociación sexa galega. Dito isto, e ante o contexto de precariedade progresiva que a patronal quere impor, a CUT comunica o seguinte:

  1. Apoiamos e secundamos a folga destes tres días sen condición algunha.
  2. Propomos que a medio prazo sexa constituída unha mesa galega sindical para abordar, dende Galiza e para Galiza, a problemática e posíbeis solucións ao sector da conserva.
  3. Pedimos ás centrais sindicais que están a negociar o convenio que informen oportunamente en todos os centros de traballo e que as decisións, que afectan as nosas vidas, sexan tomadas por todas nós e non en despachos a porta pechada.

Dito isto volvemos incidir en que secundamos a folga e seremos elemento activo e combativo na mesma.