A CUT rexistra unha ILP pola consolidación do emprego público

2063

Reclamamos un proceso selectivo único e extraordinario de consolidación de emprego para a adquisición de fixeza do persoal

Esta mañá rexistramos unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) para urxir ao goberno galego a adoptar unha solución definitiva á fraude e a temporalidade que levan décadas asolagando todo o que atinxe ás administracións públicas galegas: Xunta, ensino, sanidade, coidados de maiores e menores, servizos municipais, medios públicos galegos…

Tanto é así que na Administración Xeral galega e no resto de entidades do sector público os indicadores de temporalidade e, por tanto, de traballo precario sometido a trato discriminatorio, se teñen disparado nas últimas dúas décadas, chegando a acadar en ocasións cotas do 80% de temporalidade.

Ao noso entender, as recentes resolucións do Tribunal de Xustiza da Unión Europea abren un novo marco lexislativo que ordena e permite procurar solucións que poñan fin á discriminación e á precariedade no ámbito do emprego público.

Na iniciativa ínstase ao Parlamento a aprobar un mecanismo excepcional, celebrado por unha soa vez, consistente nun concurso de méritos que garanta a consolidación de emprego, á vez que solicita a suspensión dos procesos selectivos e de provisión de postos de traballo ata a posta en marcha deste proceso de consolidación.

Tamén se prevé o establecemento de mecanismos sancionadores aos titulares de órganos de xestión de persoal que provoquen novas fraudes de lei.

Tras o rexistro da iniciativa e unha vez aceptado o trámite polo parlamento galego, iniciaremos a recollida das 10.000 sinaturas requiridas, acompañada dunha campaña de mobilización e concienciación a prol da estabilización do persoal do sector público galego. Porque o público é de todas.