A CUT rexistrou no día de hoxe solicitude da apertura dunha mesa de negociación coa Consellería de Educación para a ampliación do concurso de méritos tras a plublicación do RD 5/2023. No seu artigo 217 contempla a emenda e inclusión nunha nova oferta das prazas recollidas baixo a disposición 8ª non tidas en conta en convocatorias anteriores.
Podemos aseverar que o concurso finalizado hai uns días foi unha grande chapuza como viñamos advertindo. Con tal motivo interpuxemos ante a publicación da oferta en 2022, demanda por parte da CUT ante o TSXG na que reclamamos un número moito maior de prazas. Agora o RDL ofrece á Consellería a oportunidade extraxudicial de emendala.
A CUT solicitou sentarse coa Consellería de Educación para solventar a situación de abuso das traballadoras do ensino que non foron estabilizadas con este mandato. De abrirse dita mesa, comprometémonos a paralizar a demanda presentada por vía xudicial. En caso contrario seguirá o seu curso, estando nestes momentos pendentes da data da celebración do xuízo.
Na documentación prexudicial da que dispoñemos, tanto sindicatos como Xunta de Galicia recoñecen discrepancias nos criterios de contabilización das prazas, así como unha posición sindical unánime e contraria á data de contabilización das mesmas.
Porén, nestes días vemos como as diversas organizacións sindicais volven facer de altofalante da Consellería ao anunciar tras reunirse con ela que a non hai nada que ofertar xa que consideran que está todo ben feito. Máis alá de converterse en voceiros de Román, non ofrecen ningunha solución nin medidas parar exixir a ampliación, facendo un recoñecemento explícito deste proceso perverso sen oposición sindical algunha dende a mesa sectorial.
A Consellería non pode máis que aceptar a nosa proposta de negociación evitando así chegar á data de xuízo cos custos para o erario público que suporá a sentenza sobre dita oferta. En caso contrario, ademais de continuar coa demanda, podemos asegurar a Román e Rueda que terán ao profesorado nas rúas de forma permanente.