A CUT renova a estrutura e os cargos no seu sétimo congreso nacional

1113

Ricardo Castro seguirá á fronte da Secretaría xeral e créanse dous secretariados: un executivo e outro político

A Central Unitaria de Traballadoras clausurou este sábado na Coruña o seu VII Congreso Nacional, nun acto desenvolvido no paraninfo da Universidade da Coruña que contou con importante presenza da afiliación, así como representantes de sindicatos internacionais (CUT Aragón, CSI Asturias, Intersindical Valenciana, IAC Cataluña, Intersindical Canaria, PCOA Venezuela, ILCU Palestina, LAB Euskadi, CGTP-IN Portugal e Confederación Intersindical Galega (CIG).

Tras a xornada de debate celebrada o pasado 21 de maio en Cangas, e unha conferencia das delegacións internacionais desenvolvida o pasado venres na Coruña, este sábado as bases da CUT referendaron as modificacións estatutarias propostas e aprobaron por unanimidade a candidatura de Ricardo Castro á secretaría xeral.

Canto á estrutura aprobouse dividir o actual Secretariado Nacional en dous: un secretariado executivo e un político. O secretariado executivo estará composto polas responsables das áreas de Acción Sindical (coordinada por Vítor Mariño), Comunicación (Andrea de Francisco), Secretaría Feminista (Érika Otero), Finanzas (Maruchi Álvarez), Formación (Raquel Lema), Internacional (Manolo Camaño e Tomás Hermelo).

O secretariado político estará conformado por Xulio Axeitos, Carla Rivas, Raquel Lema, Laura Sousa, Eladio Bastos, Brais González, Alberto Covelo, Mónica Camaño, Leonardo Da Cruz, Manuel Camaño e Ricardo Castro e a Comisión de Garantías por Cándido Villar, Estela Pedrares, Lara Costas, Mª Jesús Purriños, Cati Martínez e Andrés Pérez. 

A CUT estableceu como liña de acción para os vindeiros 5 anos seguir sendo un sindicato combativo de clase obreira galega con forte presenza nas rúas, amais de nos centros de traballo, e seguir tecendo alianzas internacionais para un loita conxunta e coordinada.