O sindicato considera que a relevancia da controversia que dividiu aos maxistrados do Constitucional require o pronunciamento do Pleno do Tribunal antes de acudir ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.
A CUT asegura que está en liza o estatus democrático do estado español nun momento no que os demais estados europeos autorizaron as manifestacións do 1º de maio, chegando Portugal mesmo a protexer este dereito no seu decreto do estado de alarma.
A Central Unitaria de Traballadoras (CUT) presentou esta mañá recurso de súplica contra o Auto de 30 de abril de 2020 da Sala Primeira do Tribunal Constitucional (TC) polo que se inadmitiu a trámite o recurso de amparo interposto pola CUT contra a sentenza 135/2020 do TSXG que refrendou a prohibición da caravana do 1º de Maio en Vigo por parte da Subdelegación do Goberno de Pontevedra.
A CUT considera que, pola relevancia da controversia e a propia trascendencia pública que tivo a división dos maxistrados da Sala (que resolveu en contra polo voto de calidade do Presidente), cómpre un pronunciamento do Pleno do Constitucional antes de presentar recurso no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.
Para o sindicato, cando outros estados europeos autorizaron as manifestacións do Día Internacional da Clase Traballadora -chegando Portugal mesmo a protexer este dereito fundamental no seu decreto do estado de alarma-, o que está en liza é o propio estatus democrático do estado español, xa que o Auto recurrido valida unha suspensión total do dereito de reunión e manifestación mentres dure o estado de alarma.
O recurso de súplica da CUT entre outras cuestións apunta que os órganos xudiciais non poden substituir a falta de motivación das resolucións da autoridade administrativa, pero tamén que o TC perdeu de vista a primordial protección do dereito de manifestación e a súa propia doutrina, que obriga a propoñer alternativas que preserven o exercicio dese dereito antes de optar por unha prohibición.
A Central entende que o Constitucional ten así a derradeira oportunidade de corrixir unha resolución restritiva e regresiva antes de pedir a intervención do TEDH por violación do artigo 11 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos que protexe o dereito de reunión.
No caso de que O TC admita o recurso, deberá trasladalo nos seguintes tres días ás demais partes para resolver no prazo de dous días se procede a admitir o recurso de amparo presentado pola CUT e sometelo ao coñecemento do Pleno.