A CUT reafírmase como o sindicato maioritario na CRTVG

640

Por cuarta vez consecutiva, as traballadoras da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) confían na CUT como a opción sindical maioritaria para representar o cadro de persoal nos catro anos vindeiros. Nas eleccións sindicais que se celebraron onte nos cinco centros de traballo, a CUT obtivo 9 dos 25 representantes que se elixían. Un amplo apoio que, en opinión da sección sindical, vén avalar a confianza nun proxecto que emerxeu no ano 2011, cando a Central Unitaria de Traballadoras accedeu por primeira vez á representación legal do persoal.

No centro de traballo de San Marcos, a CUT obtivo -con 181 votos- 6 delegados dos 21 que conforman o comité de empresa (4 USO -129 votos-, 4 CIG -115 votos-, 4 UGT -103 votos- e 3 CCOO -72 votos-). Nas delegacións territoriais, Vigo, Coruña e Ourense terán un delegado de persoal da CUT, mentres que Lugo escolleu un representante da CIG.

Do reparto destas 25 delegadas entre os cinco sindicatos con presenza na CRTVG, confomarase un Comité Intercentros de 13 membros onde a CUT terá 5 representantes, 3 a CIG, 2 a USO, 2 a UGT e 1 CCOO.

“A sección sindical considera estes resultados, que na práctica emulan os obtidos hai catro anos, altamente satisfactorios no contexto dunha campaña que contou con inxerencias do mesmo Director Xeral da CRTVG”

A sección sindical considera estes resultados, que na práctica emulan os obtidos hai catro anos, altamente satisfactorios no contexto dunha campaña que, malia que o sindicato encarou en positivo, contou con inxerencias do mesmo Director Xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, que intentou descualificar á CUT acusándoa de ter paralizado o proceso extraordinario de consolidación de emprego que está en marcha nos medios públicos de comunicación.

A CUT agradece a nova mostra de confianza das compañeiras e reafirma o seu compromiso na defensa dos dereitos do persoal e no rescate e na reconstrución da CRTVG.