A CUT presenta as catro mobilizacións que promoverá o sindicalismo alternativo en Galiza

78

A CUT aposta nesta convocatoria pola celebración dun primeiro de maio expansivo, que estenderá a unidade do sindicalismo alternativo por varias cidades galegas.Compostela, Vigo, A Coruña e Ourense serán as cidades nas que a CUT, da man doutras centrais sindicais de base e de diferentes organizacións da esquerda social sairá á rúa. Concrétase así a expansión dunha data de celebración e loita coa aposta nítida de todo o tecido sindical de base por estender a mobilización nas rúas ás principais cidades do País e ofrecer deste xeito unha alternativa sindical viábel e de proximidade.Ricardo Castro, Secretario Xeral da central sindical nacionalista afirmaba “estar satisfeito co feito de que a alianza do sindicalismo de clase e asembleario vaia tomando corpo para defender con claridade e fortaleza os intereses da clase obreira galega, demostrando que hai unha alternativa chea de saúde, disposta a rachar co monopolio do sindicalismo pactista, disposta a crear unha nova cultura sindical de autodefensa e non só” aclarando que “este entendemento nace co obxectivo de voltear a pirámide, de crear as condicións necesarias para unha mudanza de rumbo, para un cambio sistémico”.Recordaba tamén que “máis dunha vez o dixemos: unha unidade sindical máis ampla, tan necesaria hoxe, de todo o conxunto da clase traballadora galega, por riba das siglas sindicais, só se conseguirá na renuncia aos sectarismos, aos protagonismos e baixo o principio da xenerosidade de clase”, mais asegurou que “pouco temos que lamentarnos porque temos moito por construír. Este primeiro de maio a alternativa sindical de rúa, combativa e non pactista estará nas rúas das principais cidades do país para executar unha vontade e unha necesidade: a de preparar a ferramenta sindical como unha máis na ruptura coas condicións de explotación e dominación actualmente existentes, é dicir, co capitalismo”.A Central Unitaria de Traballadores/as aproveitaba para presentar as diferentes convocatorias esta mañá, que son as seguintes:Vigo: 11:00 h dende a Praza Fernando o Católico.Compostela: 12:30 h dende a Praza do 8 de Marzo (Porta do Camiño).A Coruña: 12:30 h dende a Praza de Pontevedra.Ourense: 12:30 h dende a Ponte Romana.