A CUT participará na celebración do 50 aniversario da RASD

331

A CUT asistirá como organización convidada aos actos conmemorativos do 50º Aniversario da República Árabe Saharauí Democrática (RASD) que terán lugar durante os días 8 e 9 de abril na wilaya de Auserd, nos Campamentos Saharauís de Tinduf.

A nosa organización sindical atende así o convite trasladado desde a Fronte Polisaria e da organización sindical nacional saharauí  UGTSARIO, con quen mantemos lazos de amizade e colaboración desde o mesmo comezo da CUT. Como dixemos moitas veces, a causa saharauí forma parte do ADN da nosa central sindical.

“Van alá 50 anos de sufrimento e de loita do pobo saharauí dende que o 27 de febreiro de 1976, a Fronte Polisaria proclamara a República Árabe Saharauí Democrática na localidade de Bir Lehlu”

Van alá 50 anos de sufrimento e de loita do pobo saharauí dende que o 27 de febreiro de 1976, a Fronte Polisaria proclamara a República Árabe Saharauí Democrática na localidade de Bir Lehlu, o día seguinte do vergoñenta retirada do exército español e do abandono do pobo saharauí e a ignominiosa entrega ao sátrapa marroquino.

Foron cincuenta anos de exilio forzado no inferno do deserto alxeriano, cincuenta anos de sufrimento, de loita armada, de batalla diplomática da Fronte Polisaria en aras do recoñecemento do dereito do Sáhara Occidental á súa autodeterminación como pobo.

“O pobo galego ten unha dobre débeda cos irmáns e irmás do Sáhara Occidental: a obriga internacionalista dun pobo que loita pola súa autodeterminación nacional e, por outra, a nosa irmandade consecuente coa presenza durante máis de cincuenta anos de milleiros de mariñeiros procedentes das Rías Baixas.”

Mais o pobo saharauí e os seus lexítimos representantes non afrouxaron na súa loita xusta, non fixeron concesións ás continuas trampas tendidas por Marrocos e os seus aliados. A última, a autonomía “a la española” co patrocinio noxento de Sánchez Castejón.

O pobo galego ten unha dobre débeda cos irmáns e irmás do Sáhara Occidental: a obriga internacionalista dun pobo que loita pola súa autodeterminación nacional e, por outra, a nosa irmandade consecuente coa presenza durante máis de cincuenta anos de milleiros de mariñeiros procedentes das Rías Baixas.