A CUT participa no 50 aniversario do 3M e no encontro de Metal e Minería

84

Entre o 2 e o 4 de marzo, a CUT participou en Gasteiz (Euskal Herria) nunha serie de actividades que combinaban a memoria histórica coa acción sindical internacional. A presenza da CUT foi posible grazas á invitación do sindicato LAB, que coordinou a asistencia de todas as organizacións membros da UIS Metal e Minaría, aproveitando a reunión do día 4 para que tamén puidésemos participar nos actos de conmemoración do 50 aniversario da masacre do 3 de marzo de 1976.

O 2 de marzo, membros da CUT realizaron un percorrido polo interior da igrexa de San Francisco de Asís, un espazo que actualmente se está a converter nun centro de memoria histórica da loita obreira. Durante a visita puidemos coñecer o mural coas fotografías das vítimas, os lugares onde tiveron lugar os feitos e os elementos conmemorativos, como o monumento erguido no punto exacto onde caeron abatidos os tres primeiros traballadores. Os outros dous faleceron posteriormente no hospital debido ás graves feridas sufridas nos disparos da policía. Naquel mesmo lugar, no momento da masacre, coa propia sangue dun dos traballadores escribiuse no chan a palabra “XUSTIZA”, un símbolo que continúa representando a memoria, a dignidade e a loita da clase traballadora.

O 3 de marzo, o sindicato LAB organizou os actos de homenaxe pola mañá, nos que participaron as 11 delegacións internacionais convidadas. A delegación da CUT tomou parte na ofrenda floral no monumento en memoria das vítimas e, pola tarde, participou na manifestación unitaria xunto coa sociedade vasca e coa clase traballadora de Araba. A mobilización percorreu as rúas de Vitoria-Gasteiz e foi multitudinaria, mantendo viva a memoria da loita obreira e repetindo con forza o berro que marca estas lembranzas.

“A policía rodeou o templo e lanzou gases no interior para obrigar á xente a saír. Cando os traballadores e traballadoras abandonaban o edificio, foron recibidos a tiros pola policía, provocando o asasinato de cinco traballadores”

NIN PERDÓN NIN OLVIDO

Aquel día de 1976, miles de traballadores e traballadoras participaban nunha asemblea na igrexa de San Francisco de Asís, no barrio de Zaramaga, dentro dunha vaga de mobilizacións obreiras. A policía rodeou o templo e lanzou gases no interior para obrigar á xente a saír. Cando os traballadores e traballadoras abandonaban o edificio, foron recibidos a tiros pola policía, provocando o asasinato de cinco traballadores: Pedro María Martínez Ocio (27 anos), Romualdo Barroso Chaparro (19 anos), Francisco Aznar Clemente (17 anos), José Castillo García (32 anos) e Bienvenido Pereda Moral (30 anos). Só unha das vítimas era natural de Vitoria-Gasteiz; os outros catro chegaran doutros lugares do Estado Español e foron acollidos en Euskal Herria en busca de mellores condicións de vida. Igual que fai 50 anos. Atoparon tamén un forte movemento obreiro organizado, que lles permitiu loitar xunto á clase traballadora local igual que hoxe moitas persoas migran buscando oportunidades, novas perspectivas e unha vida máis digna. Estas persoas forman parte activa do cambio social e económico, aportando traballo, compromiso e diversidade á comunidade que as acolle.

Dous días máis tarde, durante as mobilizacións de protesta, foron tamén asasinados Rafael Gómez Jáuregui, en Tarragona, e Manuel Fuentes Pérez, en Basauri (Bizkaia).

Finalmente, o 4 de marzo, celebrouse o encontro europeo da UIS Metal e Minaría, organizado tamén polo sindicato LAB. Participaron 11 organizacións sindicais, tanto do Estado como europeas, incluíndo a CUT como membro da FSM. Neste encontro, as organizacións acordaron unir forzas para afrontar os retos do sector da minaría e do metal a nivel internacional, fortalecendo os vínculos entre as organizacións sindicais do sector e impulsando a coordinación coa EUROF, a oficina rexional europea da FSM.

Entre os compromisos adoptados destacan:

  • Impulsar a conciencia de clase e a loita sindical fronte aos intereses das multinacionais e do capital.
  • Reivindicar o control público das fontes de enerxía, das infraestruturas e das industrias estratéxicas.
  • Combater os procesos de deslocalización e destrución de emprego.
  • Defender o emprego e os dereitos da clase traballadora no contexto da transición enerxética e da dixitalización.
  • Opoñerse á expansión da industria armamentística e apostar pola reconversión da existente.
  • Reforzar as medidas de prevención para preservar a saúde e a vida das persoas traballadoras.
  • Impulsar a igualdade real entre mulleres e homes na contratación e na promoción laboral.

As conclusións deste encontro trasladaranse aos órganos de dirección da UIS Metal e Minaría e da Federación Sindical Mundial, co obxectivo de reforzar a coordinación sindical internacional e manter viva a memoria da loita da clase traballadora en todos os niveis.