Os días 22, 23 e 24 celebrouse en Xixón o IX Congreso da Corriente Sindical de Izquierdas (CSI). A nosa central sindical como organización convidada estivo representada por Ricado Castro e Manolo Camaño. Estiveron tamén presentes os sindicatos, LAB de Euskal Herria, CUT de Aragón, IAC de Catalunya, I.Valenciana, SAT de Andalucía e UGTSARIO do Sáhara Occidental.
Como actividade previa ás xornadas congresuais tivo lugar un encontro de todos sindicatos presentes onde se discutiu a actual conxuntura sociopolítica e xeoestratéxica. Houbo coincidencia á hora da diagnose: a agudización da crise imperialista occidental e a consolidación dun mundo multipolar. O imperialismo morrerá matando, sexa Venezuela, Cuba ou Irán. Coincídese que a clase traballadora e os pobos do mundo non son alleos aos cambios que se están a producir.
Na orde interna coincídese na necesidade de que nos nosos sindicatos mellore a formación sindical política e ideolóxica das persoas delegadas e dos cadros para poder enfrontar a nova fase sociolaboral que se caracterizará por mais explotación laboral, máis precariedade e máis desprotección da clase traballadora.

Durante os dous días seguintes celebráronse as dúas xornadas do IX Congreso. Durante as mesmas produciuse un intenso debate sobre a Acción Sindical, incrementouse a cota sindical e quedou aprobada unha modificación dos Estatutos da CSI. Aínda coas dificultades comúns aos sindicatos amigos e ás realidades nacionais e territoriais, o balance dos últimos catro anos foi positivo cun medre claro da afiliación.
Durante a xornada do sábado o compañeiro Ricardo Castro dirixiuse ao Congreso en nome da CUT. Na xornada do domingo foi elixida case por unanimidade a nova Executiva composta por quince compañeiros e compañeiras. Tamén foi elixido o compañeiro Nacho Fuster como Secretario Xeral da CSI.
Como lle transmitimos no Congreso, desexámolle a esta organización irmá, á nova Executiva e ao seu Secretario Xeral os maiores éxitos na loita sindical asturiana e que a CSI siga sendo o exemplo de combatividade e ética sindical.












