Do 28 ao 30 de xaneiro celebrouse en París a Asemblea da Eurof (Oficina Rexional Europea da FSM). O noso sindicato, como organización afiliada á internacional sindical de clase, estivo presente representado polo compañeiro Secretario de Relacións Internacionais, Manolo Camaño.
A organización loxística do evento tutelada polo Secretariado da Eurof, estivo a cargo da CGT de Val de Marne. A este evento asistimos máis de 30 organizacións sindicais procedentes de 23 países de Europa. Cabe sinalar a asistencia de varios sindicatos recentemente incorporados á nosa internacional.
Este encontro foi presidido polo Secretariado da Eurof, coordinado dende o Último Congreso Mundial da FSM, pola USB de Italia na persoa de Pier-Paolo Leonardi que abriu o evento co informe de xestión. Estiveron tamén presentes o actual Secretario Xeral da FSM, Pambis Kyritsis e o Presidente do Instituto Internacional do Traballo, George Mavrikos.
Durante o desenvolvemento da asemblea sindical de París, a solidariedade coa causa palestina estivo presente de xeito senlleiro. Na súa intervención, a compañeira Suzan Abdel-Salam percorreu o conflito xenocida que bate á súa patria por parte do estado nazi-sionista israelita, recibindo mostras de apoio en todas as intervencións posteriores.
No ámbito dos acordos aprobados, a Eurof de xeito unánime determinou:
- Activar e preparar aos sindicatos afiliados fronte ás políticas de guerra e intervención imperialista que propón a UE e seu brazo criminal da OTAN.
- Fornecer os lazos de apoio mutuo e de solidariedade entre organizacións sindicais fronte ás diversas ferramentas de dominación capitalista, como a intelixencia artificial.
- Neste ano 2025, preparar o 80 aniversario da fundación da FSM-WFTU.
- Intensificación da formación sindical clasista. Formar militantes sindicais con capacidade ideolóxica para enfrontar os actuais retos da explotación capitalista.
- Enfrontar os distintos proxectos que persiguen eliminar o Dereito de Folga.
- Fomentar a participación das mulleres e da xuventude en todos os ámbitos sindicais.
- Enfrontar como organizacións sindicais todo tipo de manifestacións fascistas e racistas.
- Defender a redución da xornada laboral e a xubilación aos 60 anos.
Finalmente votouse por unanimidade a conformación do novo Secretariado da Eurof.