A sección sindical da Central Unitaria de Traballadoras no servizo de teleoperadoras do 061 considera “inadmisíbel” o documento de negociación presentado polo grupo Fidelis ao comité de empresa do que forma parte este sindicato. “Quere rebentar o noso sistema de secuencias pretendendo decidir unilateralmente a distribución do 10 % da nosa xornada anual. Non podemos comezar as reunións coa empresa dende unha base que atente contra os nosos dereitos”, sosteñen dende a central sindical, que insta a Fidelis a asumir os pregos asinados a través do contrato público como base de partida para un acordo “transparente e real”.
Este documento tamén recolle outros puntos que a sección sindical da CUT considera “un retroceso” en canto a conquistas laborais. “A empresa pretende introducir horas complementarias, o cal prexudicaría ás traballadoras e traballadores a tempo parcial, que verían aumentada a súa xornada pero non o seu contrato, como mecanismo para adaptala ao seu antollo”, sinalan.
A maiores, Fidelis pretende revisar o sistema das gardas localización -comunmente chamado buscas– para aumentar o seu número. “Pretende eliminar o cómputo de oito horas de xornada de cada quen discriminando en función da xornada e pagándoas igual que agora”.
Neste sentido, a CUT cualifica a postura da empresa como “intolerábel”. “Sendo nós un servizo público esencial, no que demostramos a nosa entrega e profesionalidade en momentos de emerxencia -flexibilizando a nosa xornada voluntariamente, facendo turnos e horas en momentos que por mor das circusntancias críticas se precisaban, etc-, atopámonos cun grupo empresarial que comeza unha negociación cunha ilegalidade que esconde rematar cedendo nalgo que ten que ceder por lei, e rebaixar así as nosas demandas”. Por último, dende a CUT, animan ao comité a que faga valer os dereitos das traballadoras e instan á Fundación 061 para que a empresa retire este documento.