CUT no Congreso Sindical Mundial de Suráfrica

184

A CUT APELA EN SURÁFRICA AO DEREITO DE AUTODETERMINACIÓN PARA CONSTRUÍR O INTERNACIONLASISMO PROLETARIO

O 17 Congreso Sindical Mundial congregou en Durban a 1200 sindicalistas de 111 países entre o 4 e o 8 de outubro

Durban (Suráfrica), a 8 de outubro de 2016. A Central Unitaria de Traballadores e Traballadoras ven de participar no 17 Congreso Sindical Mundial que se celebrou entre o 4 e o oito de outubro no Durban Arena da cidade sudafricana de Durban.

A CUT considera esta edición do congreso un paso importante polo incremento de dos países asistentes, polo maior número de organizacións sindicais participantes e polo aumento de delegados e delegadas sobre o congreso anterior celebrado en Atenas. É moi significativa nesta edición a participación de 340 mulleres -auténtico lastre deficitario na Federación Sindical Mundial- cun significativo incremento de compañeiras africanas, asiáticas e da área musulmán. Igualmente, é relevante a integración de tres novas organizacións sindicais de Rusia, EEUU e Irán, esta última un sindicato potente.

Do Estado español estivemos representados; LAB de Euskal Herria, CSC-IN de Catalunya, a Intersindical Valenciana e a CSM de Madrid, ademais da CUT. Nesta edición a CIG tamén estivo presente como organización observadora.

Durante o transcurso do congreso houbo dúas intervencións ben interesantes, a do Presidente sudafricano Jacob Zuma e a do Secretario Xeral do SACP e actual Ministro de Educación, Blade Nzimande que fixeron senllas sembranzas da situación política, económica e laboral do país sudafricano e do papel xeopolítico desta nación ó respecto dos países veciños.

Durante os tres días de sesións producíronse 79 intervencións e salutacións, entre as cales estivo a da CUT, que fixo a presente a Galicia como nación no escenario sindical do Mundo. Houbo intervencións moi brillantes de representantes sindicais de; EEUU, Siria, TUC de Inglaterra, Vietnam, Brasil, Cuba, etc. No ámbito do rutinario, e incluso do exótico e burocrático, estiveron as intervencións de Corea do Norte e da representación chinesa.

Cabe destacar -e pensamos que é de importancia pola proximidade- a activación protagónica da CGTP-IN de Portugal, integrando a un compañeiro no Consello Presidencial. Até agora so participaban a través dalgunha UISS.

Entre as conclusións cabe mencionar que foi reelixido o actual Secretario Xeral da WFTU-FSM, George Mavrikos do PAME de Greza, e foi elixido Presidente o compañeiro M. Michael Makwayiba do COSATU de Suráfrica.

Como aspectos negativos, pensamos que segue a existir unha forte carga burocrática con certos ribetes de escuridade no funcionamento e no ámbito metodolóxico e orgánico da FSM; supoñemos que son inherentes ás vellas prácticas da ortodoxia sindical, fundamentalmente a europea.

Intervención da CUT no Congreso

Benqueridxs camaradas.

Falamos en nome da Central Unitaria de Traballadores/as de Galicia..

Queremos saudar ó Consello Presidencial, ó camarada Mavrikus, Secretario Xeral e a todxs delegadxs asistentes.

Queremos saudar especialmente ó COSATU, pois é unha honra para nós estar en Suráfrica, a terra de Nelson Mandela.

Camaradas; o sindicalismo clasista e o movemento obreiro internacional, debemos de continuar a loita contra o neoliberalismo, fronte ó imperialismo e a súa guerra.

Vimos de Galicia, un país situado na parte máis occidental de Europa, no noroeste do Estado Español, falamos galego, idioma irmá do portugués.

Galicia é una nación, sen estado, no Estado Español, é por esa razón que no noso ideario sindical de clase conxugamos a loita pola liberación nacional ó tempo da emancipación social.

Non dicimos nada novo cando afirmamos que o pensamento proletario está baseado no dereito de autodeterminación de todos os pobos do mundo, algo que seguro se entende ben nesta terra africana.

Non imos repetir nin estendernos no que xa falaron dabondo desde esta tribuna, xs compañeirxs que nos precederon no uso da palabra. Discursos, análises e conceptos que a CUT participa.

Para nós o exercicio do internacionalismo e da construción desta ferramenta sindical internacional que é a FSM- WFTU, ten necesariamente que partir desde a interpretación e desde o recoñecemento das distintas realidades nacionais.

Camaradas: Somos sindicalistas galegxs, somos e seremos internacionalistas, estamos e estaremos na FSM, coa unidade sindical clasista poderemos entre todxs, frear as políticas xenocidas do Capital contra os pobos e xs traballdorxs.

VIVA O INTERNACIONALISMO PROLETARIO!!

VIVA A FEDERACIÓN SINDICAL MUNDIAL.

AMANDLA!! AWETHU!! VIVA!!

A FSM e a afiliación da CUT

En 1945 celébrase a Conferencia de Londres auspiciada polo TUC e máis tarde nese mesmo ano o I Congreso Sindical Mundial de París. A Federación Sindical Mundial intégrana inicialmente sindicatos de 46 países, sendo os vectores fundacionais máis importantes os sindicatos estadounidenses, a federación latinoamericana, os sindicatos chinos e os sindicatos soviéticos.

No ano 1949, no contexto da Guerra Fría, o TUC inglés sepárase da FSM, e arrastra detrás ós sindicatos ianquis e holandeses, movemento que deu lugar a creación nese mesmo ano da Confederación Internacional de Organizacións Sindicais Ceibes (CIOLS). O debate que xustificou a escisión foi a posición sindical entre as organizacións clasista e as socialdemócratas sobre o Plan Marshal. Nese mesmo ano, celébrase en Milán o II Congreso Sindical Mundial no que se fundan as UISS como instrumentos sindicais sectoriais.

En 1994 celébrase o XIII Congreso en Damasco. Este foi o evento máis convulso da FSM, e a súa celebración ten lugar nun contexto internacional marcado pola desintegración da Unión Soviética e o shock ideolóxico que supuxo para o movemento obreiro internacional. Diversos sindicatos europeos vinculados a corrente eurocomunista abandonan a FSM encabezados pola CGT francesa e o CIL italiano. A posición sobre o papel da Unión Europea e o rol desenvolvido polo Terceiro Mundo é o substrato que da lugar aos abandonos da internacional sindical.

Con posterioridade celébranse os Congresos de Nova Deli (1999), La Habana (2006) e Atenas (2011), nos que a FSM se vai repoñendo da crise do congreso de Damasco e comeza unha integración paulatina de novos sindicatos de clase dos catro continentes.

A A CUT solicita formalmente a integración na FSM no ano 2008 e, catro meses despois, recibe a admisión co status de sindicato observador, asistindo como tal ao XV Congreso da Habana, ostentando a representación no congreso o compañeiro Xan Carballo. É de xustiza lembrar a axuda solidaria no proceso de integración das organizacións; LAB, CTC de Cuba e SINTRANTELEFONOS de Colombia, pois aínda que semelle esperpéntico houbo forzas que intentaron boicotear a nosa integración. A CUT tamén participou no XVI Congreso de Atenas representada polos compañeiros Ricardo Castro e Manolo Caamaño, xa como sindicato integrado plenamente na FSM desde o referido XV Congreso celebrado en Cuba. Tamén temos asistido desde a nosa afiliación a dous Plenos da Eurof (FSM Europa) en Atenas e en Roma e a dous eventos europeos da Muller Traballadora; en Praga e o que organizou a CUT en Cangas.

Conclusións

Como temos apuntado algunha vez desde a dirección da CUT, a importancia dos eventos sindicais internacionais -e máis concretamente deste-, mais que na visualización da CUT no mesmo, que tamén, está, por un lado en aproveitar para poñerse ó día nas dinámicas que mandan no sindicalismo nas distintas áreas e rexións do Mundo e, doutra banda, en gozar da oportunidade de contactar con persoas e organizacións. Fixemos o que puidemos, porque aínda que pareza que catro días dan para moito, ó certo é que a intensidade da axenda congresual non deixa todo o tempo que quixéramos. Aínda así, contactamos e engraxamos relacións e coñecemento con organizacións diversas.

E xusto referenciar a acollida fraternal dos compañeiro e compañeiras de COSATU, a central sindical sudafricana (cunha afiliación de 700.000 persoas). Durante toda a nosa estadía en Durban fixéronnos chegar todo o seu calor anti-imperialista e a súa xenerosidade como anfitrións.

Para rematar, dicir que a FSM-WFTU avanza, non sen os seus brancos e negros. Avanza e resiste con claridade naqueles países e rexións onde o imperialismo e as transnacionais golpean con máis forza á clase traballadora ou saquean con intensidade os seus recursos (África, Asia e América Latina); neses países o sindicalismo clasista é a punta de lanza que está a frear relativamente as políticas neoliberais. No seu envés, nas metrópoles capitalistas é onde o atraso sindical se fai máis patente.

Unha reflexión final

 As traballadoras téxtiles de Bangladesh, moitas veces meniñas de dez ou doce anos con salarios de 3 dólares mensuais e xornadas de doce horas de traballo, que en moitos casos traballan para Inditex, aportan 3 céntimos de dólar do seu salario para contribuír á FSM. E nós?

FICHA TÉCNICA 17 CONGRESO SINDICAL MUNDIAL

Emprazamento: Durban Arena, (Durban) Suráfrica, do 4 ó 8 de outubro de 2016.

Asistentes: 1200 congresistas (aproximadamente 340 mulleres) pertencentes 147 organizacións sindicais de 111 Países:

Europa: Galicia, Euskal Herria, Catalunya, País Valencia, Bélxica, España, Portugal, E. Francés, Bielorrusia, Italia, Suíza, Inglaterra, Dinamarca, Bélxica, Alemaña, Bulgaria, Rusia, Ucraina, Greza, Chipre, Chequia e Moldavia.

Asia: Palestina, Bangladesh, India, Barhein, Paquistán, China, Corea do Norte, Vietnam, Nepal, Myanmar, Brunei, Filipinas, Indonesia, Irán, Siria, Líbano, Turquía, Tailandia, Sri Lanka e Malaisia.

América: Arxentina, Chile, Paraguai, Uruguai, Brasil, Bolivia, Colombia, Perú, Ecuador, Venezuela, Canadá, Estados Unidos, Costa Rica, Cuba, México, Guadalupe, R. Dominicana, Panamá, Guaiana, Surinam, Xamaica e Guatemala.

África: Angola, Benin, Camerún, Sudán, Etiopía, Chad, Níxer, Exipto, Gabón, Gana, Liberia, Nixeria, Marrocos, Mauritania, Mozambique, Guinea, Malí, Namibia, Costa de Marfil, Burkina Faso, Congo, República Centroafricana, Senegal, Zambia, Suráfrica, Togo, Ghana, Tunisia, Djibuti, Cimbabue e Congo Braza.

Oceanía: Australia.

Internacional