A CUT medra en votos e mantén a representación en Stellantis

859

A CUT valora de xeito moi positivo o resultado obtido nas eleccións sindicais en Stellantis Vigo. Malia as dificultades que denunciamos durante o proceso, a CUT mantivo a representación no comitéde empresa e incrementou o número de votos recibidos. Este apoio reforza o noso compromiso coa defensa dos dereitos da clase traballadora e demostra que existe un espazo para un sindicalismo, asembleario e combativo.

Porén, facemos unha valoración crítica do desenvolvemento do proceso electoral, no que como CUT presentamos preto de 40 escritos ante a Mesa Electoral Central (MEC) para trasladar cuestións, incidencias e preocupacións relacionadas co funcionamento do proceso e coas garantías que deben acompañar o exercicio do voto.

Durante estas xornadas, a organización sindical trasladou a súa preocupación pola distribución dos espazos de votación, as condicións necesarias para preservar o segredo do voto e a igualdade de trato entre as distintas candidaturas. Para a CUT, votar non consiste unicamente en depositar unha papeleta nunha urna; significa poder decidir libremente, sen presións, condicionamentos nin interferencias.

Pero non foron quen de silenciarnos, medrando en votos e quedando a unhas 50 papeletas de conseguir o 10% e obter o dobre de representación no comité.

“A CUT seguirá sendo unha voz incómoda fronte a todo o que consideremos inxusto, veña de onde veña.”

A CUT seguirá sendo unha voz incómoda fronte a todo o que consideremos inxusto, veña de onde veña. Non chegamos aquí para acomodarnos nin para calar senón para defender os dereitos das persoas traballadoras, denunciar o que non funciona e dar voz a quen demasiadas veces non a ten.

Agradecemos profundamente a confianza de todas as compañeiras/os que nos apoiaron e que fixeron posible manter e ampliar a nosa base electoral. Cada voto é unha responsabilidade e un compromiso que asumimos con honestidade, independencia e determinación.

A CUT continuará traballando para avanzar cara a unha representación sindical máis democrática, participativa e transparente, na que a vontade do persoal estea por riba de calquera outro interese.