A CUT chama a todo o profesorado a secundar a convocatoria de folga para o día 24 de outubro e unirse á mobilización nacional en Compostela.
Tras varios meses contactando con ANPAS e sindicatos para camiñar unidas cara unha folga xeral no ensino, e a pesar de non obter resposta nin convite por parte do sindicato maioritario e promotor, celebramos que dea un paso adiante na defensa dos dereitos do profesorado galego. A CUT estará xunto a CIG e STEG neste conflito.
Como vimos anunciando dende hai tempo, apoiamos calquera mobilización e convocatoria que reverta o que nos foi roubado hai máis de 10 anos. Dende a CUT lamentamos que non houbese actividade sindical ao respecto nese longo período de tempo e que a iniciativa parta agora dunha reacción a unha proposta de “mellora” (eufemismo para o ocultar o roubo sufrido por máis dunha década) da propia Consellería. A acción sindical maioritaria non foi quen de crear o conflito ata que a Xunta así o decidiu, o que fala do sindicalismo de reacción e non de proacción que temos no ensino galego.
Parécenos bochornoso que CCOO, UGT e ANPE asinen o acordo da aldraxe, da perpetuación dos recortes por moitos anos máis e sen tan sequera mencionar outros atropelos como a non recuperación do pago dos veráns aos temporais. Non imos aceptar ningún acordo que non nos retrotraia aos dereitos perdidos e que regresen de forma plena para o vindeiro curso 24/25:
- Pago dos veráns ao persoal temporal.
- Conversión de prazas ADIX e REOGAL en interinidades.
- Redución horaria de 18 e 21 horas.
- Rateos por debaixo de 25 en secundaria.
- Devolución da hora de reunión de departamento ao horario.
- Devolución das reducións horarias por cargos complementarios.
- Devolución das reducións horarias nas seccións bilingües segundo normativa vixente.
- Redución horaria para titores de grupo e compensación económica diferenciada.
- Acatamento da sentenza do Tribunal Supremo sobre o cómputo do tempo traballado para o funcionariado en prácticas dende o primeiro CXT.
- Aplicación do dereito de elección horaria da traballadora por por conciliación familiar (traspaso do ET ao EBEP e Consellería).
- Traslado detallado dos novos permisos do EBEP ao ámbito da Consellería de Educación.
- Supresión das materias afíns e volta ao esquema anterior de materias complementarias.
O noso sindicato non cesará en reclamar o que nos foi arrebatado. Non podemos seguir na deriva de consentilo todo e aínda que tarde, temos que refrendar esta loita unidas nunha fronte polo ensino público galego.
Por todo o exposto, a CUT pide a CIG e STEG amplitude de miras para camiñar xuntas o día 24, para o que enviamos comunicado a ambas organizacións neste sentido. Estaremos apoiando ao profesorado galego que pide a gritos, segundo a enquisa lanzada por nós a semana pasada, mobilización e folga.
Coordinadora da CUT Ensino
11 de outubro de 2023