A Central Unitaria de Traballadoras presentoulle este martes, 23 de marzo, ao grupo parlamentario do Bloque Nacionalista Galego a iniciativa lexislativa popular rexistrada o pasado 22 de febreiro por este sindicato e admitida a trámite polo Parlamento Galego.
Unha representación da Área de Emprego Público da CUT trasladoulle polo miúdo ao deputado Iago Tabarés os motivos e os obxectivos desta iniciativa, que persegue dar unha solución definitiva á temporalidade e á fraude na administración pública galega a través dun mecanismo excepcional consistente nun concurso de méritos e artellar mecanismos sancionadores para os xestores que provoquen futuras fraudes de lei na administración galega.
A ILP persegue dar unha solución definitiva á temporalidade e á fraude na administración pública galega a través dun concurso de méritos.
O deputado afirmou ser consciente da situación na administración e trasladou varias preguntas aos representantes da CUT para coñecer máis en detalle todas as posibles casuísticas. Ao seu entender, poden darse diferentes situacións e solucións segundo se teña superado un proceso selectivo ou acceso ao emprego por outras vías.
Os representantes da CUT trasladáronlle que as traballadoras non poden asumir as consecuencias da non convocatoria de prazas durante anos por parte da administración e que a solución debe ser colectiva e real.
Os representantes da CUT trasladáronlle que as traballadoras non poden asumir as consecuencias da non convocatoria de prazas durante anos por parte da administración e que a solución debe ser colectiva e real, lonxe da pantomima dos procesos de estabilización en marcha, que suporán ceses e poñer en risco o servizo público alí onde se desenvolven.
Segundo o referido por Tabarés, o grupo parlamentar do BNG entende que a solución do problema non pode derivarse á vía xudicial e, neste sentido, informou que veñen de rexistrar unha iniciativa no Parlamento para coñecer o alcance real do problema para despois valorar as posibles solucións.
A CUT solicitoulle formalmente ao BNG que apoie a iniciativa lexislativa popular unha vez se recollan as sinaturas precisas para darlle trámite no Parlamento.