A CUT inicia mobilizacións para mellorar as condicións laborais no hotel NH COLLECTION SANTIAGO

500

A representación das traballadoras do NH Collection Santiago -actualmente composta no 100% pola CUT- decidiu iniciar un calendario de mobilizacións, logo de non chegar a un acordo nas numerosas mediacións no Consello Galego de Relacións Laborais  para dignificar as condicións laborais.

NH HOTELES obtivo beneficios récord, con previsión de superalos ainda máis este ano. Porén, a última oferta da empresa na mesa de negociación foi ridícula, tendo en conta os cuantiosos beneficios da multinacional, inzados por un aumento brutal do turismo e unha alza importante no prezo do aloxamento medio.

As reivindicacións das traballadoras son:

  • Salarios acordes ao encarecemento da vida (IPC ).
  • Eliminar xornadas semanais agotadoras de 56 horas.
  • Recuperar a antigüidade ou “premio” por anos de servizo.
  • Aumentar os asuntos propios (dende 1999 só dous no ano).
  • Reducir a carga laboral
  • Eliminar ou compensar as xornadas partidas que estragan a mínima posibilidade de conciliación diaria.
  • Calendario laboral que posibilite a conciliación.
  • Turnos equitativos
  • Ter un mínimo dunha fin de semana ao mes para todo o persoal.
  • Reducir a xornada laboral.

Demandas tan básicas que resulta inconcebible entender por que NH HOTELES as nega.

A patronal do sector de hostalería non para de queixarse de xeito hipócrita de que non atopa profesionais para paliar a demanda pero nada fai por atraer a estas traballadoras con condicións dignas e acordes á labor desenvolvida. Moitas traballadoras deixan a profesión polas pésimas condicións laborais impostas. A duras penas hai unha mínima conciliación coa vida. A carga de traballo é enorme e os salarios precarios…

É momento de dicir que xa abonda ante unha patronal que non ten escrúpulos e loitar pola dignidade dunha vida mellor. As traballadoras do NH levaron estes días as suas reivindicacións ás pontes de Compostela e agarran que prenda a chama da dignidade en todo o sector do país.

A loita é o único camiño!