A CUT fronte á centralización da negociación colectiva na Mesa para o Acordo Marco de Distribución Alimentaria

112

Dende a CUT vémonos na obriga de denunciar, outra vez, a centralización da negociación colectiva en Madrid, afastada dos centros de traballo e, por tanto, da conflitividade. Atopámonos coa mesma estratexia doutros sectores (conserva, téxtil, etc) que procura unha negociación relaxada e afastada das traballadoras que vai afectar, recurtando os seus dereitos de maneira telemática.

Desta volta tócalle ao sector do comercio da alimentación, coa creación da Mesa para o Acordo Marco de Distribución Alimentaria. Se ben agora se nos di que o actual acordo non regulará aspectos salariais nin da xornada laboral, crea un precedente e vai supeditando os convenios provinciais a unha negociación estatal cada vez máis forte.

A parte da evidente distancia destas negociacións, atopámonos con que se fan cunha total opacidade, sen saber a que acordos chegan os sindicatos que destas mesas participan coa patronal, ata que os asinan. Acordos que se toman de costas ás traballadoras e en contra dos seus intereses. A información que achegan mesmo aos delegados das centrais que participan desta farsa é escasa, por non dicir nula.

Polo anterior, dende a CUT reclamamos que se adopte un marco de negociación galego. Ante os incumprimentos da lexislación en canto a descanso semanal que se repiten no sector, a parcialidade que padecen as traballadoras ou os baixos salarios, dende a CUT consideramos que é o momento de traer a conflitividade aos centros de traballo. Polo tanto, e poñendo as siglas de lado, apoiaremos a folga convocada pola CIG os próximos días 26 de xullo e 15 de agosto. Iso si, que tampouco sexa unha carta en branco para caer no xogo dos mares de Madrid e si para volver traer a forza da negociación colectiva de volta ao país.