A CUT estivo presente nas rúas as 24 horas de folga xeral do pasado 29 de marzo, incidindo o seu traballo nas comarcas de Vigo, O Morrazo, Compostela, A Coruña e Ribeira. Fomos parte de piquetes conxuntos e piquetes propios e protagonizamos mobilzacións propias e conxuntas de gran contundencia. Na comarca de Vigo, en convocatoria conxunta coa CGT, CNT, STEG, SF-IN e SXG, saímos os sindicatos alternativos dende ás 11 da mañá xuntando, seguindo fontes alleas a nosa central, arredor de 10.000 manifestantes. Na cidade de A Coruña, en convocatoria coa CGT, xuntamos arredor de 2.000 persoas; No Morrazo, en convocatoria en solitario, xuntamos 6.000 manifestantes. En Compostela, fomos nunha comitiva alternativa xunto á CNT na marcha encabezada pola CIG.Facilitamos estes datos porque a prensa do sistema, que é toda a que copa o mercado (deidade do século XXI), seguiu perfectas directrices de non informar sobre a realidade, do acontecido. Para eles, a finalidade dos medios de comunicación non é outra que crear opinión e poñer as regras de xogo encol da mesa. Fomos agochados por estes medios a pesares de estaren todos eles presentes nas nosas mobilizacións e de aportar estes compañeiros e compañeiras da prensa a información necesaria. Fómolo nós e foino tamén, aínda que en menor medida, a CIG; chegando algún medio a dicir sen pudor que os demais sindicatos sumámonos á convocatoria de folga de CCOO e UGT, cando foi xustamente ao revés. Que acudan as súas propias hemerotecas.A intención desta propaganda de comunicación non é outra que resaltar o papel de CCOO e UGT como únicos “axentes sociais” porque no caso de que haxa algún cambio na lexislación laboral ten que ser pola vía destes sindicatos, é dicir, pola vía do pactismo e da maquillaxe. A intención é deslexitimar a loita de clases e o discurso combativo doutros sindicatos de cara non á negociación da reforma (das reformas) se non de cara á absoluta derogación das mesmas e de cara á recuperación de dereitos.Dende a CUT insisteremos no noso discurso utilizando todos os medios que teñamos ao noso alcance porque, pese a quen lle pese, resistimos, existimos e somos necesarios e necesarias.