Onte celebráronse eleccións sindicais no Concello de Vigo e a CUT, que presentaba candidatura por primeira vez, conseguiu entrar a representar ao persoal deste concello cun delegado.
Ás dificultades que sempre hai para o acceso de novas propostas en territorios dominados durante anos polo sindicalismo pactista e conservador, houbo que sumarlle esta vez vergoñentas manobras antisindicais de tres organizacións (CIG, CCOO e UXT) que fixeron o imposible para intentar boicotear a entrada da nosa Central neste concello que tanta renovación precisa.
O noso delegado traballará estes vindeiros catro anos por destapar as irregularidades e sacudir as alfombras do concello, co obxectivo de mellorar as condicións de todas as súas traballadoras e incrementar a presenza da CUT na representación do persoal.